A CUT demanda para os operarios de Stellantis "a mesma sensibilidade" que a factoría amosa cara aos insectos
Os insectos cobran vital importancia nas instalacións de Stellantis Vigo. Como medida de coidado cara aos polinizadores e o medio ambiente, o xigante da automoción na Galiza está a contribuír a súa supervivencia na contorna industrial coa instalación, nun recuncho da fábrica, de construcións específicas para protexer as especies do ecosistema olívico.
Porén, esta man tendida aos insectos polinizadores coincide no tempo coa aprobación do ERE e o ERTE que a multinacional francesa veén de acordar cos sindicatos. Uns expedientes novos de regulación de emprego dos que tamén informou a CUT Citröen. O mesmo sindicato denuncia "a manipulación por parte da empresa, nunha estratexia clara para aumentar beneficios a costa da maioría da sociedade", sinalando esta situación como "unha ferramenta de flexibilidade e de destrución de emprego, no lugar de buscar alternativas reais para a estabilidade laboral".
A situación, segundo a organización, desencadea unha serie de problemáticas na vida das operarias e operarios da empresa como o empeoramento "da calidade de vida" e a contribución "a un ambiente laboral tóxico". A denuncia indica que "a dirección [da empresa] está a xogar coas nosas condicións laborais, sen pensar nas consecuencias que ten para a nosa saúde e conciliación familiar", considerándoo "un ataque directo aos dereitos laborais e á dignidade das persoas traballadoras".
Outras organizacións sindicais da empresa, como a UXT, subliña "no día de onte explicouse a proposta final da empresa e someteuse a valoración da asemblea de afiliados, onde cun 98% dos votos a favor decidiu dar o visto e prace ao ERTE e ao ERE". Por parte de CC.OO, tamén se afincou no 'non', achacando que "non é comprensíbel que negociemos un ERTE tendo encima da mesa un calendario de alta produción".
A empresa xustificou esta circunstancia por "unha suposta baixada de ventas e de beneficios", que segundo indica a CUT, foron "obscenos" en anos anteriores. "Os fondos públicos non deben ser empregados para subsidiar os beneficios empresariais", reiterando as súas cuantiosas ganancias, "unha compañía que ten demostrados ingresos millonarios".
Desde o sindicato, asevera a "inaceptabilidade" da proposta afirmando que "se permite e obriga a traballar as persoas traballadoras 6 días sobre 7". Da mesma forma, insta a empresa a "facer un análise máis profundo do motivo que leva a moitas persoas traballadoras con idades que non están próximas a xubilación". Por último, demándaselle a Stellantis "que a sensibilidade cos insectos e seu benestar se trasladase tamén as persoas traballadoras".