O 85% do persoal de Atento secunda a greve contra o despedimento de 17 traballadores

@soncheanxinho

Unha manifestación na Coruña reclamou a readmisión d@s despedid@s e a fin da ‘’explotación laboral’’ na empresa.

 

O 85 por cento do persoal de Atento na Coruña secundou a xornada de greve convocada esta segunda feira contra o despedimento de 17 traballadores e o peche do servizo de información 11822. Ademais, e a última hora da tarde, unha mobilización percorreu a cidade herculina sob o lema ‘En defensa do emprego, ningún despido máis’. Na marcha estiveron presentes os portavoz parlamentares Francisco Jorquera (BNG) e Yolanda Díaz (AGE)

O comité insta a dirección da empresa a que readmita as persoas despedidas. Estes despedimentos non son, sinalan, o resultado da perda de contratos, senón que responden unicamente a unha decisión empresarial que consideran totalmente inxusta e arbitraria.

O despedimento destes 17 operarios e peche do servizo de información da Coruña (a empresa mantén o de Valencia e Tánxer) é a “pinga” que rebordou a paciencia dun cadro de persoal que, denuncian os sindicatos, está sometido a unha situación laboral esgotadora. Malia ser sancionada por Inspección de Traballo, a empresa non varía na súaa actitude, denuncian representantes dos traballadores.

En Atento A Coruña traballan por volta de 600 persoas, un número que se ben importante, fica afastado das perto de 1.500 que había en 2007.