71 quilómetros a pé contra a venda das centrais de Ferroatlántica

Os traballadores iniciaron esta cuarta feira, 5 de xullo, a marcha a pé entre Cee e Compostela para pedir á Xunta que non acepte a petición do grupo de Villar Mir. Ana Pontón (BNG) e o alcalde de Dumbría (PSOE) acompañaron os máis de medio cento de traballadores que participan nesta primeira xornada da marcha. Vídeo no interior

Levan meses de loita mais nin o cansancio nin a resignación fai mella neles. Desde que coñeceron a nova en outubro de 2016 de que Villar Mir quería vender as centrais hidroeléctricas, os traballadores non deron tregua. Folgas, mobilizacións, concentracións, feches... todas e cada unha destas actividades co apoio total da veciñanza da Costa da Morte, consciente do moito que se xoga neste capítulo.

 

Esta cuarta feira, 5 de xullo,  traballadores de Ferroatlántica comezaron unha marcha a pé para pedir á Xunta que non autorice a segregación que solicita Villar Mir para poder vender as centrais. Unha marcha de 71 quilómetros, até Compostela, e repartida en catro etapas. Na primeira delas, 22 Qm entre Cee e A Picota, contaron coa presenza canda eles de Ana Pontón, portavoz do BNG,  J.M. Pequeño, alcalde de Dumbría (PSOE). e Paulo Carril, secretario xeral da CIG.

 

Pontón afirmou que é hora de que Feijóo decida de que parte está neste conflito, se cos traballadotres e a Costa da Morte ou ben con Villar Mir. A portavoz nacionalista chamou a unha “participación masiva” na manifestación deste sábado, 8 de xullo, en Compostela, para “evitar o espolio” das centrais hidroeléctricas.

 

A segunda xornada da marcha, esta quinta feira, de 26 quilómetros, será entre A picota e Negreira. A seguir, a sexta feira, 12 Qum entre Negreira e Bertamiráns para, xa o sábado, percorrer os últimos 11 quilómetros e estar na capital de Galiza para o inicio da manifestación, ás 12:00 horas, na Alameda.