1,1 millóns de afiliacións á Seguridade Social na primeira quincena do mes

A ministra de Inclusión, Seguridade Social y Migracións, Elma Saiz, esta terza feira. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
O Ministerio destaca "o dinamismo do mercado de traballo"

A Seguridade Social fechou os primeiros quince días do mes de novembro cun total na Galiza de 1.100.006 afiliados. Segundo os datos feitos públicos na cuarta feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a media de afiliados á Seguridade Social no país entre o 3 e o 14 de novembro foi lixeiramente superior á finalmente rexistrada, en concreto 1.100.269 afiliados. O Ministerio de Elma Saiz fixo públicos os datos desagregados por provincias, que sinalan nos primeiros quince días de novembro un total de 480.481 afiliados na provincia da Coruña; 126.863 na de Lugo; un total de 108.694 afiliados en Ourense e 383.968 correspondentes á provincia de Pontevedra.

No Estado español, segundo estes mesmos datos. A afiliación aumentou nesta primeira quincena de novembro en 23.549 ocupados -un 0,1% máis- até sumar a cifra total de 21.796.251 cotizantes na serie diaria de afiliados. O Ministerio sinalou esta cuarta feira nun comunicado que a serie diaria alcanzou o día 13 de novembro os 21.814.565 afiliados á Seguridade Social, co que suma más de medio millón de afiliados con respecto a esta mesma data de 2024, un total de 510.090 máis.


En termos desestacionalizados, os datos feitos públicos esta cuarta feira a respecto do Estado español reflicten que a primeira quincena de novembro fechou con 21.814.600 afiliados, segundo destaca o Ministerio, “grazas ao incremento de 44.956 ocupados no último mes”. Descontando a estacionalidade e o chamado “efecto calendario”, o Goberno español cifra a afiliación á Seguridade Social en 517.974 ocupados no último ano. A ministra Elma Saiz sinalou esta cuarta feira que esta cifra está “en liña cos niveis tanto previos como posteriores á pandemia", cun incremento de 451.193 afiliados desde o arranque de 2025.

Coas últimas cifras feitas públicas esta cuarta feira, a Seguridade Social destaca que o número total de afiliados aumentou en 977.057 persoas na serie axustada desde decembro do ano 2023, unha cifra que eleva até os 1.523.223 cotizantes máis desde decembro de 2022, antes da entrada en vigor da reforma laboral.


Para Saiz, "os datos de afiliación á Seguridade Social seguen a demostrar o dinamismo do noso mercado de traballo”. Tamén destacou a ministra á vista das cifras de afiliados que “non só hai máis emprego, senón que é emprego de maior calidade”.