"GALICIA, MELLOR SEN TOURADAS"

Recollen máis de 245.000 sinaturas para a abolición das touradas

touradas

Cada vez son máis as persoas que avogan pola supresión das corridas de touros en Galiza, un espectáculo bárbaro que nada ten a ver co noso país. O colectivo Galicia, Mellor sen Touradas vén de dar conta das máis de 245.000 sinaturas recollidas para abolir as corridas de touros ao longo do país.

En base ás máis de 245.000 sinaturas recollidas, a plataforma Galicia, Mellor sen Touradas considera que cómpre trasladar “a forza cidadá ás institucións con competencias para suprimir uns espectáculos de maltrato e violencia cara os animais cada vez máis apartados da sociedade galega”.

O colectivo sinala que o número de touradas se reduciu un 64% desde 2009. Tamén lembra as cifras do Ministerio de Cultura, que estima que só o 0,8% dos galegos e galegas declara asistir a touradas. Para a plataforma, os datos actualizados a 2015 reflectirían “un menor número de persoas”.

Galicia, Mellor sen Touradas pon de manifestó que as 245.000 sinaturas representan “o preludio perfecto” para calcular a presentación dunha posíbel Iniciativa Lexislativa Popular. Para sacala adiante, a plataforma precisaría de 10.000 sinaturas e o apoio da maioría do Parlamento.