A zona vella de Compostela será espazo de baixas emisións

Rúa do Vilar, en Compostela. (Foto: Arxina)
As medidas non suporán a obriga de cambiar de vehículo.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ratificou esta segunda feira a aprobación do documento para o proxecto de mellora da calidade do ar e a implantación dunha zona de baixas emisións esixida polo Goberno estatal para as cidades de máis de 50.000 habitantes, no que o conxunto do casco histórico será área de cero emisións.

Durante a comparecencia sobre a xunta de goberno local que decorreu esta segunda feira, Bugallo estivo acompañado polo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, e polo director de Cinfo, Eduardo Díaz, que é a empresa encargada de redactar o proxecto.

O traballo feito por Cinfo analizou a situación da calidade do ar en Compostela con proxectos que xa estaban en marcha como 'Smartiago' e 'Trafair', unha colaboración da Universidade de Santiago de Compostela con universidades europeas.

Díaz asegurou que a calidade do ar na capital galega é boa, polo que a necesidade de tomar medidas "aspira a avanzar na loita contra o cambio climático e a mellorar a mobilidade". 

Zonas de baixas emisións

O proxecto elaborado por Cinfo propón que o casco vello compostelán sexa zona de baixas emisións. Esta declaración acompañarase progresivamente, e cun período de adaptación, doutras medidas complementarias, como a implantación deste tipo de zona no Restollal. Nestas áreas da cidade non se poderá entrar con vehículos diésel previos a 2006 e de gasolina previos a 2001, pola contaminación que estes xeran.

Porén, Gonzalo Muíños quixo "tranquilizar" a veciñanza e asegurou que as medidas "non suporán a obriga de cambiar de vehículo". Expresou tamén que a veciñanza terá que "acostumarse" a estas medidas porque "veñen para quedar", indicou.