Zeltia Mateo, peiteadora: "No ámbito rural están esquecidos. Vivir na aldea non significa que non teñas necesidades"

Zeltia Mateo Álvarez coa súa maleta de estética coa que visita as casas particulares da comarca (Foto: Nós Diario)
Para ser emprendedora no medio rural o primeiro é ter unha boa idea. Foi o caso de Zeltia Mateo, que con pouco máis de 21 anos decidiu comezar a traballar como autónoma de peiteadora a domicilio. Non contou con máis axuda que o apoio familiar e a rede que dá sentirse como na casa. Catro anos despois, e no medio da pandemia da Covid-19, ten consolidado o seu futuro na aldea onde naceu, na comarca de Quiroga.  

Como chega a ser peiteadora?

Desde pequena sempre me gustou peitear as bonecas das miñas amigas e tamén maquillar. Cando rematei 4º da ESO decidín dedicarme a traballar nun salón de peiteado e estética. Comenteillo á miña nai e ao meu pai e déronme todo o seu apoio. Fixen os estudos da profesión e tamén varios cursos para perfeccionarme. Estudaba en Ourense e cheguei a ter a oportunidade de quedar a traballar alí, mais por motivos familiares decidín probar a traballar en Quiroga.

Foi difícil comezar desde cero con esta profesión no medio rural?

Como en calquera inicio de actividade dun traballo como autónoma sempre hai dificultades. Eu diría que foron máis as facilidades por decidirme a facelo a domicilio. É un traballo moito máis persoal, dedícaste á clienta ou ao cliente con exclusividade. Vou ás casas e levo todo o meu instrumental. En realidade síntome como se estivese no meu propio negocio. Estou feliz e a gusto facendo algo diferente, que non había aquí. Creo que axudo moito as persoas, sobre todo as maiores, que aquí son a maioría. Non baixan á vila, coa excepción de cando van á compra e aproveitan para ir ao salón de peiteado. Agora téñeno cando queiran cunha chamada de teléfono.

Considera que o que fai vai máis alá da estética?

Si. Dedícaste á persoa e mesmo fas un pouco de psicóloga. Pos guapa a persoa e, ao mesmo tempo, entras algo na súa vida. Escoitas as súas necesidades e tentas que estean ben. No meu caso non existen os contos que se din nos salóns de peiteado con máis xente e é todo máis íntimo. Ninguén vai saber do que falamos nas casas, queda entre nós.  

Séntese un sector esencial, tal e como se son definidos nesta pandemia?

Por un lado si e por outro non. O cabelo hai que cortalo cando medra. Nesta situación, complicada en si mesma, se nos deixamos aínda é peor. Precisamos sentirnos guapas e alegres, levantar a nosa autoestima. É certo que nas crises, aínda que se teñan problemas económicos, sempre se reserva algo para mimarse. Aínda así deberían baixar o IVE, tal e como está é moi alto e para min é unha total inxustiza.

Está a ser difícil traballar nestes tempos de pandemia?

O principio foi duro e complicado. Non estaba acostumada a traballar coa máscara e a desinfectar todo despois de cada servizo. Aínda así, a xente era moi comprensiva malia todo. Tardaba máis por cada casa. Había medo ao contaxio fóra, mais estaban seguros nas súas vivendas ao non ter que saír. Non era só a xente maior, a máis nova tamén. Consideran que é un privilexio non ter que desprazarse. Recoñezo que eu tamén pasei algo de medo. Non sabía como afrontar a situación. Despois asumes que é un traballo e continúas. Creo que consideran que é unha boa idea que se faga a domicilio, ademais nun lugar como este no que non existe nada semellante.

Como definiría a situación das e dos habitantes da aldea na súa zona? 

Están esquecidos. Vivir nas aldeas non significa que non teñas necesidades. Necesitan máis axudas, como, por exemplo, ter unhas estradas en condicións. Mesmo as propias aldeas non están acondicionadas, moitas veces, para entrar con vehículos. Ás veces párome a pensar como farían se tivesen necesidade dunha ambulancia cando non contan cos accesos. Non quero pensar que están esquecidas e esquecidos por ser maiores. Teñen axuda ao domicilio algunhas horas, é certo, mais o resto do día están sós e igual na aldea hai dúas ou tres casas habitadas.