Yolanda Díaz visita o Papa no Vaticano

A ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Congreso)
A ministra de Traballo do Goberno español terá un encontro co máximo representante da Igrexa Católica o vindeiro sábado, 11 de decembro.

O Papa Francisco recibirá este sábado, 11 de decembro, no Vaticano á vicepresidenta segunda e ministra de Traballo do Goberno español, Yolanda Díaz, segundo confirmaron fontes do departamento dirixido pola política galega.

O encontro aínda non aparece na axenda pública do Sumo Pontífice, aínda que é habitual que non se coñezan as audiencias até o día previo.

Díaz non é o primeiro membro do Goberno que recibe o Papa Francisco. Xa o 24 de outubro de 2020 mantivo un encontro co presidente do Executivo, Pedro Sánchez, quen acudiu ao Vaticano xunto á súa dona, Begoña Gómez.

Traballo lanza un plan de choque para previr as mortes en sectores proclives á sinistralidade

Por outra banda, o Ministerio de Traballo e Economía Social, a través da Inspección e do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo ( INSST), porá en marcha a partir do mes de xaneiro e durante todo o ano 2022 un plan de choque para previr as mortes no traballo naqueles sectores máis proclives a sufrir accidentes.

Yolanda Díaz presentou no día de hoxe en rolda de prensa este plan, coincidindo co lanzamento dunha campaña de sensibilización nos medios de comunicación para frear a mortalidade no traballo.

Nos dous anos anteriores á pandemia, 1.626 persoas perderon a vida nun sinistro laboral. De media, cada día falecen en no Estado español dúas persoas por causa dun accidente de traballo.

"Non son cifras, son persoas. Hai que facer dos lugares de traballo sitios seguros, onde ninguén perda a vida", sinalou Díaz.

Unha das causas da sinistralidade laboral, denunciou, é a precariedade (cambio continuo de traballos, persoais en constante rotación e sen estabilidade). "A precariedade pode matar e acabar con ela é gañar en seguridade laboral", subliñou a vicepresidenta española.