LINGUA

Yoigo comprométese a incorporar o galego nas súas facturas

yoigo

A petición da Mesa pola Normalización Lingüística, a compañía telefónica asegura nas redes sociais que tomará nota da suxestión para incorporar o galego nas súas facturas, nas que xa ten incorporados o catalán, o euskera, o castelán e o inglés.

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de sacarlle o compromiso a Yoigo para que incorpore o galego nas facturas que lles emite ás persoas usuarias. A petición da Mesa, a compañía telefónica di “tomar nota” para atender a suxestión formulada pola entidade, que se puxo en contacto coa empresa a través das redes sociais após recibir unha queixa. A campaña que a asociación emprendeu nas redes contou coa participación de numerosos clientes e clientas da telefónica.

A Mesa explicoulle a Yoigo que a exclusión do galego e da posibilidade de utilizaren as persoas usuarias a lingua “vulnera os dereitos lingüísticos de centos de usuarios e usuarias dos seus servizos na Galiza”. A asociación en defensa do galego aludiu aos parágrafos terceiro e cuarto do art. 10 da Carta Europea das Linguas Minoritarias para expoñerlle a Yoigo que “amparan o exercicio dos nosos dereitos lingüísticos ante as empresas prestadoras de servizos, como as telefónicas”.

Yoigo emite as facturas en inglés, catalán, euskera e español

Yoigo emite as facturas en inglés, catalán, euskera e español. “Non existe ningún impedimento técnico para que non inclúan o galego entre estas linguas. Agora comprometéronse a tomar nota da nosa proposta e puxémonos a súa disposición para axudar no que sexa necesario”, sinala Marcos Maceira en declaracións a Sermos Galiza. O presidente da Mesa asegura que estarán vixiantes para que Yoigo cumpra o compromiso adquirido e incorpore o galego na súa documentación.