Yasmina Moreira é concelleira de Igualdade de Baiona

Yasmina Moreira: “O feminismo non pode ser só cousa dun día ou dun mes, ten que estar presente sempre”

Yasmina Moreira é a 'ideóloga' de “Fálame delas”. (Foto: Nós Diario)
“Fálame delas” é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Igualdade de Baiona que ten como obxectivo recompilar historias de mulleres pioneiras en calquera ámbito e que repercutisen de forma notábel na evolución da localidade. A concelleira Yasmina Moreira, explica que o papel das institucións na recuperación da memoria histórica é fundamental. Defende que a loita pola igualdade e polo feminismo debe ser unha realidade e non unha "pose".

-Como xurdiu a idea desta iniciativa?

“Fálame delas” xurdiu pola necesidade de recompilar a memoria das mulleres de Baiona, xa que non se tivo en conta durante toda a historia da nosa vila. Naceu ao abeiro dunha iniciativa que xa sacamos adiante o ano pasado, unhas axendas igualitarias no que recollíamos testemuños e vidas de mulleres pioneiras de Baiona. Falando con algunhas destas mulleres e coa veciñanza, decatámonos de que había moitas historias aínda sen estar recollidas. Non estaban no foco, e corrían o risco de perderse.

Queremos recoller a memoria dun colectivo que estivo silenciado e ao que non se lle deu o valor que merece. En moitos casos, non sabemos se as nosas avoas, tías ou mesmo nais foron pioneiras en épocas moi duras para Baiona. Aquí pasouse moita fame na posguerra, e as mulleres foron un salvavidas, tanto para os habitantes do concello como para os maquis que vivían no monte.

-Cal é a idea de traballo para estas historias unha vez estean recollidas?

Se o volume de historias fose o suficientemente grande, a min persoalmente gustaríame facer unha publicación. Como mínimo, temos en mente publicar artigos dixitais contando estas historias. É algo no que aínda estamos traballando e organizando, porque temos que ver a cantidade de historias que conseguimos recompilar. Ademais, como en novembro imos presentar a axenda igualitaria na que tamén se recollerán historias destas mulleres, aproveitaremos algunhas das que recibamos. Polo de agora queremos centrarnos en difundir a campaña, que a xente a coñeza e conseguir o maior número de testemuños posíbel.

-Estas vivencias deben cumprir algún requisito para poder seren enviadas?

Queremos recoller historias de mulleres que fosen pioneiras ou que o seu papel na evolución de Baiona fose fundamental. Tamén podemos recoller vivencias ou anécdotas máis cotiás. A miña avoa, por exemplo, estivo traballando con oito anos no monte. Iso hoxe en día é case impensábel, pero as rapazas daqueles anos xa ían a traballar desde moi novas. Dependendo do que recibamos si que podemos abrir o abano. Hai historias que merecen estar aí. Houbo unha muller que se enfrontou a Franco cando viu aquí de visita e lle tirou un caldeiro por riba da cabeza. Iso é algo brutal, e demostra moito valor. Tamén tivemos unha enfermeira que percorría o concello dunha punta a outra inoculando penicilina á veciñanza.

-Que acollida está a ter polo de agora a campaña?

Houbo un par de persoas que nos chamaron directamente unha vez fixemos pública a campaña, para contarnos historias de mulleres que xa faleceran. A verdade é que nos centros escolares están emocionados, e mesmo van propoñelo aos alumnos como un traballo de clase. Notamos que a xente está moi emocionada co tema.

-Que papel deben xogar as institucións no proceso de recuperación e defensa da memoria das mulleres?  

Penso que as institucións deben tomarse realmente en serio esa tarefa. Debe nacer de verdade no seu seo a conciencia de que é algo que debemos levar a cabo. Non pode ser que haxa persoas e institucións que vexan isto como unha pose, unha forma de gañar visibilidade sacándose unha foto o 8 de marzo e o 25 de novembro pero que, cando despois hai que poñer recursos económicos enriba da mesa, achantan. Iso é algo que boto en falta. É certo que hai axudas nese ámbito a nivel estatal e autonómico, pero non basta con iso. Debemos ter unha verdadeira conciencia social e ter claro que non basta con iso. O feminismo non pode ser só cousa dun día ou dun mes, ten que estar todo o ano. A igualdade entre homes e mulleres debe ser unha prioridade.