Lavan a roupa nunha fochanca para protestar "contra a inversión millonaria en obras ridículas" do PP de Ferrol

Veciñ@s da cidade departamental realizaron este domingo o flashmob 'Dando uso ás fochancas', en que tamén aproveitaron estes furados nas súas rúas para tomar o sol, botar a andar dous barquiños de papel --PP e Pemex-- ou facer unha queimada para brindar polo novo ano


Para practicaren a pesca, para lavaren a roupa, para botar a navegar dous barquiños de papel bautizados cos nomes de 'PP' e 'Pemex', para se poren ao sol, para gozaren coa espeleoloxía ou para se mergullaren. Son algúns dos moitos usos que este domingo deron @s veciñ@s de Ferrol á abundancia de fochancas coas que cada día teñen que evitar tropezar nas súas rúas. Algunhas levan máis dun ano agardando polo asfalto.

Fixérono durante o flashmob organizado polos colectivos Acción directa pola recuperación de espazos públicos, Plataforma contra o malgasto e Asociación veciñal de Esteiro.

O obxectivo tíñano claro: "facer visíbel o estado de desleixo das rúas e impedir a inversión millonaria en obras ridículas" que pretende o actual goberno municipal, en mans do PP.

Así as cousas, quéixanse os tres colectivos de que a corporación que lidera José Manuel Rey Varela elevara o orzamento de licitación das obras na praza de España até os 916 mil euros, aos que suman os 56 mil que custou o proxecto. 

Consideran que o rexedor ferrolán "tira polo sumidoiro un diñeiro imprescindíbel" para paliar a actual situación socioeconómica, "en plena onda de desafiuzamentos" e con longas ringleiras de persoas que agardan para comer nos comedores sociais.

Na derradeira das fochas que visitaron quedou plantada unha árbore típica destas festas coa decoración colocada e perfectamente sinalizada.  E dedicáronlle unha fochanca ao alcalde, bautizada co seu nome, Rey Varela. Todo isto antes de brindaren "por un mellor aninovo" cunha boa queimada feita, por suposto, nunha fochanca.

NOTA:  as imaxes foron tiradas do facebook de Susete Ferrol