OS NOMES DE NUNCA MáIS

Silvia Bermúdez, voluntaria: ''Foi o pobo galego quen fixo o traballo do goberno para dar unha resposta de emerxencia''

Silvia Bermúdez
Entrementres o Prestige partía en dous e descarregaba 70 mil toneladas de chapapote na costa galega, Silvia Bermúdez estudaba dereito. Soubo do naufraxio pola prensa, e pola prensa soubo tamén das mentiras, da fenda imperceptíbel que tiña o barco, dos ''hilillos de plastilina'' que derivaron nunha marea negra. Dez anos despois segue a exixir responsabilidades, mais recoñece que ''os auténticos responsábeis'' non sentarán nunca no banco d@s acusad@s


Que facía en novembro de 2002, cando se produciu a marea negra?

Era estudante. Estudaba dereito económico na Universidade de Vigo.

E como soubo do afundimento?

Polos medios de comunicación. Afíxenme á idea de que era un problema importante, moito maior do que nos contaban, xa desde as primeiras informacións, cando dicían que había un barco á deriva, que tiña unha pequena fenda case imperceptíbel, penso que dicían.

Formouse a idea de que se aminoraban os efectos polo que lía na prensa?

Non foi tanto polo que lía na prensa como pola reacción do goberno español e da Xunta de Galiza, que intentaban dar unha apariencia de calma que era irreal. Conforme pasou o tempo confirmouse que mentían e que minusvaloraron os efectos reais do afundimento do petroleiro.

Após dez anos, como valora a resposta social que houbo naquela altura?

Foi un dos feitos que constatou que ese cliché dun pobo galego submiso non é real. Non houbo resignación senón rebeldía, loita e organización ante as mentiras do goberno e dos medios de comunicación. E houbo organización en dúas frontes: dunha banda a resposta de emerxencia para reducir os danos do verquido, limpar as praias, suplantar o goberno; da outra banda, exixir responsabiliades.

Á hora de exixir responsabilidades, que espera do xuízo que arrincou esta terza?

Se che son sincera e tendo en conta a composición da xudicatura, non teño moitas esperanzas. A Xustiza, con maiúsculo, non está nuns tribunais que benefician os intereses duns poderosos. Haberá alguén a quen lle fagan pagar o pato, mais os verdadeiros responsábeis nin sequera sentarán no banco dos acusados.

Quen son eses responsábeis?

Os que ocupaban o goberno, tanto o galego como o español, daquela. Un xa está morto, que é Fraga, mais o outro que hoxe é presidente, Mariano Rajoy, que ademais de mentir con aqueles famosos hilillos de plastilina inventou un principio da física até entón descoñecido.

Que recorda da súa experiencia como voluntaria?

Pois colaborei organizando o voluntariado da miña facultade e despois tamén limpando as praias. Recordo que o primeiro sitio ao que fun foron as Ons e que a sensación primeira foi dunha tristura inmensa, como se se che encollese algo por dentro, ao ver así a costa. Eu son de Vigo e alí non chegou o chapapote, polo que até que pisei as illas non vin a verdadeira repercusión.

As imaxes dos informativos estaban censuradas. Recordo un sentimento de tristura, si, mais tamén de rabia e de satisfacción. Ver toda a xente alí, limpando, tamén os que non eran galegos. Rachamos aí con outro cliclé sobradamente estendido: que xa non queda ninguén que se mova desinteresadamente.