O PP aproveita a campaña e dá orde de aprobar no rural 1.500 axudas a domicilio que non vai pagar

A Xunta deu orde de resolver todos eses expedientes en semana e media, cando o tempo estimado para cada un deles é de máis dun mes. As familias beneficiarias non van recibir os cartos, pois o peto da dependencia está baleiro á espera de que entren fondos en xaneiro. Porén, antes do 20 de outubro e por orde expresa do PP, terán a axuda concedida

A Xunta de Galiza vén de emitir unha orde para que executen até 1.500 expedientes de axudas a domicilio para outras tantas familias do rural galego, que deberán ter na súa caixa do correo as resolucións de concesión antes do 20 de outubro. Ao día seguinte hai eleccións na Galiza. Mais non é a premura e o repentino interese que o benestar das persoas depedentes que viven no rural o que maior sorpresa causou entre @s responsábeis do servizo de dependencia e autonomía persoal convocados a unha xuntanza este luns en San Caetano, xunto coas e cos coordinador@s de cada provincia.

"Na orde do día só había un punto", explicou Deli Lamas, delegada de persoal da consellaría de Benestar da CIG en Ourense. E o punto era o aumento do crédito para horas do programa de axudas a domicilio. Centos de expedientes levan meses paralizados por falta de orzamento. "Até o de agora a política era dilatar no tempo as resolucións", apuntou Manuel Canitrot, secretario de organización da federación de Administración da central nacionalista tamén en Ourense. Acrecentou o sindicalista que estas axudas, unha vez concedidas, irán parar á morea deses expedientes adxudicados, mais sen cobrar.

A ''xogada electoralista'' do PP: 1.500 familias do rural terán concedida unha axuda que non van cobrar

Os pagamentos faríanse a tres meses vista, en xaneiro, e o goberno da Xunta dependerá dos resultados das eleccións do 21-O, polo que a orde de Feijóo foi interpretada por Lamas como "unha xogada electoralista" pola que se aprobarán 500 axudas na Coruña, 400 en Lugo, outras tantas en Pontevedra e 200 en Ourense.

Para alén de porlle o caramelo nos beizos a máis de mil familias, o tempo medio de resolución dun expediente "con normalidade" está estimado nun mes e medio. Porén, o PP mandou aprobar 1.500 en semana e media. Para acelerar os ritmos, dispuxo que o persoal de avalización do nivel de autonomía persoal traballaría tamén en horario de tarde. 

"Foron moitos os compañeiros que se negaron a ir polas tardes, mais hai presións para que vaian. Aprovéitanse de que é un servizo onde o grao de interinidade e temporalidade é elevado, case do 90%, e da nova lei laboral que permite baixarlles o soldo a todos os interinos", argumentou Canitrot, quen pregunta polas ansias de "priorizar o rural despois de recortar as axudas aos concellos en porcentaxes elevadísimas, que chegan até o 75%". Após esta reflexion, o sindicalista cualificou a orde do PP como "unha campaña antiética" por usar as necesidades das persoas dependentes "con fins claramente electoralistas".