O PP da Coruña négalle o apoio a un acto contra o terrorismo machista ''porque el Ayuntamiento ya va a leer un manifiesto''

A asociación de mulleres en situación de violencia Ve-la luz reclamou axuda do goberno local co suministro eléctrico nas protestas convocadas co gallo do 25N. Nunha comunicación, o concello rexeita colaborar argumentando que co seu acto institucional ''ya manifestamos nuestro apoyo''


O concello da Coruña, gobernado por Carlos Negreira (PP) en maioría absoluta, non quixo apoiar a asociación de mulleres en situación de violencia machista Ve-la luz para os actos do 25 de novembro. En concreto, o colectivo solicitaba axuda do goberno local para o suministro eléctrico, e Negreira emitiu unha comunicación para denegar tal solicitude.

O argumento é o que segue: "les comunico que mañana viernes, día 23, se va a realizar un acto institucional en la Plaza de María Pita con este motivo, mediante la lectura de un manifiesto. Entendemos que con ello el Ayuntamiendo ya manifiesta su apoyo a la iniciativa". O documento aparece asinado por Ana María Fernández Gómez, vicepresidenta do Instituto municipal Coruña espectáculos.

Pese á falta de apoio institucional, Ve-la luz reivindicou o Día internacional da non violencia contra as mulleres convocando unha concentración en repulsa polos asasinatos machistas e realizando actividades para crianzas e maiores durante todo o día nos xardíns de Méndez Núñez.