Un día como hoxe, hai dez anos, comezaba o pesadelo Prestige

Nunca Máis

Unha década despois do afundimento do Prestige, reanúdase o xuízo pola maior catástrofe ecolóxica de Europa nos últimos anos. 

 

O 13 de novembro de 2002, o petroleiro de armador grego Prestige, lanzaba un aviso de socorro após sufrir un accidente perto da costa galega. Desde ese momento até se partir en dous o buque e afundir pasaron seis días, case unha semana en que as autoridades políticas dos gobernos galegos e español, desencadearían coas súas decisións a peor catástrofe ecolóxica dos últimpos tempos.

Cando comeza a chegar á costa galega o chapapote do afundido Prestige, os membros do executivo español, daquela en mans do Partido Popular e liderado polo ex-presidente José María Aznar, aseguraron á prensa, mariñeiros e mariscadoras que a gravidade do accidente era moito menor do que agardaban e que, en todo caso, o mar, as praisas e os caladoiros da Galiza estaban a salvo. Nada máis lonxe da realidade.

A inacción dos gobernos da Xunta e de Madrid, obrigou ao pobo galego a se valer por si propio e saír ao mar. Confrarías, veciñ@s e voluntari@s vidas de todos os recunchos do mundo asumiron a ardua tarefa de limpar un mar suxo --sen máis ferramentas que a carraxe. Auto-organizados, sen material de traballo (os traxes brancos chegarían moitos días depois) e sen axuda gobernamental, foron quen de facer fronte á máis dura das batallas.

Entrementres, o presidente da Xunta, cazaba e @s ministr@s do goberno Aznar --quen non viaxaría a Galiza até ben pasados uns meses-- continuaban a asegurar que o propio mar, coa súa bravura, limparía o chapapote. Mesmo chegando a loubar, como foi o caso do actual ministro de Agricultura e Medio Ambiente, Arias Cañete, a capacidade de filtrado do mexillón. "Eles son capaces de limpalo todo", aseveraba naquela altura, dando boa conta das consecuencias derivadas do descoñecemento dunha realidade allea.

Todas as decisións políticas que xiraron arredor da catástrofe do Prestige foron adoptadas a máis de 500 km de distancia, nunha cadeira de coiro asentada nun despacho de Madrid. A falta de comunicación entre as persoas que xestionaban o desastre a pé de mar e as que adoptaban o criterio e decisións a seguir desde a capital do Estado español, deveu nunha das peores xestións fronte a unha crise desa magnitude. Nin os petroleiros encallados con anterioridade serviran para que na Galiza, fosen @s galeg@s @s que afrontaran coa sabedoría que dá a experiencia e o coñecemento posuído sob o seu propio territorio, ningunha decisión. Todas as competencias seguían no centro.

O desleixo político amosado durante semanas, espertou nun pobo a dignidade e carraxe que o levaba cada día a se erguer e ao ver o mar tinguido de lixo, saír ás rúas e protagonizar algunhas das maiores manifestacións que se lembran en Galiza. Milleiros de persoas, apertadas aos seus paraugas --cos que tan ben debuxara Castelao a dignidade desta Terra-- percorreron Galiza e Madrid para facer valer os seus dereitos como pobo, ao berro do NUNCA MÁIS. Arte, cultura, música, poesía, expresións espontáneas e mesmo un outro xeito de se manifestar xurdiron arredor da catástrofe e fixeron agromar esa Galiza que non esmorece. Un espírito que hoxe procura ser invocado perante unha realidade igual de cruel.

Dez anos despois

A situación do mar galego após dez anos do afundimento do Prestige é mellor do agardado, porén numerosos estudos apuntan á necesidade de deixar pasar máis tempo para avaliar as consecuencias reais e o impacto medioambiental do chapapote. A capacidade de Galiza para facer fronte a unha catástrofe semellante, sería igual ou peor que hai dez anos.

Esta terza re-iníciase o xuízo coincidindo co décimo aniversario da catástrofe

Non serviu o Prestige para fornecer este país de máis e mellor material anti-contaminación, tampouco así para aprobar un plan de continxencias, capaz de facer fronte a unha crise marítima da magnitude daquela, como reflicte o recurso presentado pola Plataforma Nunca Máis contra o proxecto da Xunta. Dez anos despois, organizacións ecoloxistas, mariñeiros, mariscadoras, patróns de barco, avogad@s e voluntari@s coinciden en que nada evitaría que volvese acontecer.