Maré de mulleres reclama a débeda dos gobernos ''con nós, non cos bancos''

(Imaxe: Susete Ferrol)
O 4 de outubro presentarase unha campaña internacional da Marcha mundial que rematará o 8 de marzo. Dela farán parte até 12 países e pretende exixir que os dereitos das mulleres deixen de estar suxeitos aos intereses do capital e se coloquen no centro do debate social

O argumento da crise semella soportalo todo, incluída a ofensiva patriarcal contra os dereitos conquistados polas mulleres após décadas de loita. Un exemplo sinxelo abonda para nos facer unha idea: a equidade de xénero importa tan pouco aos nosos gobernos, á dereita española, que o ministerio de Igualdade pasou a ser unha secretaría e finalmente quedou nunha directora xeral a media xornada porque compatibiliza a atención ás mulleres coa prestada a outros colectivos en situación de exclusión social.

"A vida das mulleres estivo sempre sometida ao modelo económico en que vivimos. Até o noso acceso ao mercado de traballo estivo supeditada aos intereses do capital", valora Ximena González, activista da Marcha mundial das mulleres. E como xa vai sendo hora de mudar o conto, esta organización feminista ten preparada unha campaña internacional da cal farán parte até 12 países: Galiza, Portugal, Catalunya, Euskal Herria, Grecia, Francia, Bélxica, Suíza, Italia, Rumanía, Macedonia, Turquía. As feministas do mundo queren deixar ben clara a cuestión que colocaron no lema: A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos.

Así as cousas, só cando se apreciou unha ralentización na acumulación de capital por parte das elites comezou a falarse de crise. Colocouse este punto por riba da concesión de dereitos sociais. A incorporación das mulleres ao mercado laboral que, como sinalou González, foi interesada e respondeu á necesidade de aumentar a produción, veu acompañada do desmantelamento do chamado estado do benestar, e todo ese traballo, non remunerado, cargan con el os ombreiros delas, das galegas ou das que chegan do Sur.

"Con esta acción conxunta pretendemos a defensa dunha vida digna e sostíbel, colocar no centro dos debates sociais a nosa vida e os nosos dereitos", apunta a activista feminista, quen di ollar "cara ás prácticas políticas de resistencia" emprendidas polas mulleres do Sur para ir trazando o camiño no Norte cara a conquista de dereitos fundamentais como a soberanía alimentar dos pobos. "Os gobernos falan de políticas de austeridade; nós queremos que se muden todas as políticas, as que había antes e as que hai a día de hoxe" e que enfían ás mulleres de volta ao fogar. "O sistema ataca sempre os máis febles" e, desta volta, as principais afectadas son as mulleres migrantes, ás que se lles están a negar dereitos tan básicos como a atención despois do parto.

"Nos primeiros anos non nos despedían porque era máis barato o despedimento dun home" ao termos nós os traballos máis precarios e coa maior flexibilidade horaria. "Hoxe xa non. Están a nos mandar para as casas", quéixase Ximena González. E con contrarreformas impulsadas desde o goberno español e acatadas sen retrucar polo PP na Galiza, como o RD 16/2012, vincúlase a concesión de dereitos fundamentais a se a persoa ten ou non un emprego remunerado. Contra estas políticas --das cales alertaron primeiro as mulleres de Grecia e despois as de Portugal-- artellouse un calendario de mobilizacións que, tal e como nos explican desde a Marcha mundial, transcorrerá como segue:

  • 18 de outubro, día internacional pola eliminación da pobreza. Unha acción simultánea nos 12 países que fan parte da campaña servirá para visibilizar as políticas financeiras. Como emprazamento, calquera que as simbolice, como unha sucursal bancaria
     
  • 25 de novembro, día internacional de loita contra a violencia machista. Máis unha vez, accións simultáneas aínda que con carácter local para evidenciar as nefastas consecuencias que os recortes teñen nas tentativas de frear os malos tratos contra as mulleres. Como exemplos, o desmantelamento de todos os resortes para paliar esa violencia física e para por fin á dependencia económica
     
  • 10 de decembro, día internacional dos dereitos humanos. Incorporarase á campaña unha acción planificada polo movemento feminista de América latina e que fará referencia á saúde das mulleres. O aborto e a ofensiva contra os dereitos sexuais e reprodutivos terán un papel destacado
     
  • 8 de marzo, día internacional das mulleres. A acción voltará ser simultánea, mais na Galiza a Marcha mundial procurará o apoio do resto de organizacións feministas para repetir a multitudinaria mobilización nacional de 2012. Tal e como apuntaba o lema da campaña, Compostela tornouse ese día nunha maré de mulleres 'en loita polos nosos dereitos'