Transporte público? No PP prefiren o 'coche oficial'

A Semana europea da mobilidade remata este sábado. Repasamos as eivas do transporte público na Galiza e a devoción da Xunta do PP polo carro privado. No plan Move gastáronse 4 millóns dos orzamentos públicos para mellorar o transporte por estrada: o máis contaminante, o que xera maior impacto na configuración do territorio, o que máis enerxía consome e o máis insolidario desde o punto de vista social

Móvete na boa dirección é o lema baixo o cal se desenvolveu este ano a Semana europea da mobilidade. Mais tamén é o lema que ao PP ninguén tivo a ben explicarlle. Do que se trata é de animar ás institucións públicas a introducir e promocionar medidas de transporte sustentábel, ofrecendo á cidadanía alternativas reais ao uso do carro privado.

Fronte a esta idea, privatización e abandono son os dous apelidos da rede de transportes públicos que o PP foi tecendo sen atender a razóns, colocando riba da mesa a maioría absoluta coa que gobernou na Galiza e goberna en Madrid. O plano de mobilidade sustentábel e prácticamente descoñecido na Galiza, soportando unha política de transportes deseñada por e para o automóbil contemplada no Plan Move: 4 mil millóns de euros dos orzamentos públicos foron parar ao transporte por estrada, o máis contaminante, o de maior impacto na configuración do territorio, o de maior consumo enerxético e o máis insolidario desde un punto de vista social. Vigo suma máis de 220 mil entradas diarias de vehículos na cidade,  Compostela ronda as 100 mil, A Coruña os 250 mil, Pontevedra  55 mil, Lugo 60 mil, Ferrol  50 mil e Ourense 41 mil. Namentres, o transporte público galego esmorece.

Comboio: menos oferta horaria, menos paradas con trens máis caros e máis vellos
A liberalización aprobada no Real decreto 22/2012, de 20 de xullo, abre a porta á entrada de capital privado nas catro empresas en que se dividirá a Renfe en 2013: tráfico de pasaxeir@s, mercadorías, manetemento e material rodante. Insistindo máis unha vez na austeridade --eufemismo de navallada aos servizos públicos-- di Rajoy que coa mudanza aforra 135 millóns entre os que pagan as operadoras privadas e 60 da supresión da rede de Feve.

A privatización de Renfe coloca Galiza en risco de perder un servizo "que xa de por sí é precario", valora Fernando Gómez, da plataforma Salva o tren. A predilección polo asfalto de PP e PSOE ten o país aínda sen servizo de proximidades. Coa chegada da alta velocidade, entre A Coruña e Vigo perdéronse 17 paradas e pola cabeza do presidente español pasou a idea de suprimir outras 12. Segundo conta Gómez, após unha reunión mantida en outubro de 2011 co responsábel de transportes no Ministerio, existe o compromiso de recuperar algunhas delas para un futuro tren de proximidades que non se sabe cando chegará, se chega.

A discriminación da Galiza apréciase ollando cara aos propios comboios. Os modelos que fican obsoletos noutros territorios do estado veñen parar ás nosas estacións. Os trens máis novos percorren o Eixo Atlántico, e os máis vellos levan @s viaxeir@s cara o interior do país, a Lugo e Ourense. A posta en marcha dos Avant no tramo A Coruña-Compostela-Ourense foi a pinga que fixo rebordar o vaso: soportamos tarifas máis altas que o resto do estado por este mesmo servizo e, de optarmos por un media distancia, cada vez hai menos oferta horaria e practicamente non quedan paradas para nos apear. A idea da cohesión social vai embaixo.

Para este sábado, o BNG da Coruña ten convocado un acto en Betanzos "en defensa dos camiños de ferro". Após colleren o tren que sae da cidade herculina ás cinco e media do serán, chegarán a Betanzos ao redor das seis. Aa fronte nacionalista emprendeu unha campaña de recollida de sinaturas para reivindicaren unha rede de proximidades entre A Coruña e Ferrol, para alén de porlle freo á privatización do sistema ferroviario galego coa creación dunha compañía pública que xestione este servizo e que as competencias na materia lle sexan transferidas a Galiza.

"Comprometéronse a manter as estacións intermedias no traxecto que une grandes cidades que agora mesmo teñen alta velocidade, mais as conexións Lugo-Ourense e Lugo-Ferrol acabarán eliminándoas", consideran en Salva o tren. Na plataforma cidadá teñen tamén claro que o Eixo Atlántico centrará os esforzos. "O resto de Galiza ficará marxinado".

Transporte de ría: sen atascos, mais ao capricho da empresa privada
Cada día, ao redor de 3.000 persoas optan polo transporte marítimo para ir --e voltar-- de Cangas ou Moaña até Vigo. Transporte colectivo onde os atascos non se contemplan, mais que non acaba de convencer ao PP.

En 2011 botou embaixo no parlamento a proposición non de lei presentada polo BNG e apoiada polo PSOE co obxectivo de restituír o carácter público deste servizo, aproveitando a normativa ao respecto aprobada pola Unión europea en 2009, após botar embaixo unha concesión feita a dedo por Fraga pola que se lle adxudicou o servizo a unha única empresa.

A día de hoxe son tres as compañías, as tres de capital privado. De Cangas saen barcos cada 15 minutos, e de Moaña cada hora, unha periodicidade que a Plataforma polo transporte público de ría considera "insuficientes", enfatizando na "dependencia" que da cidade de Vigo teñen @s veciñ@s de Cangas e Moaña, ora por motivos laborais ora para pasar consulta en Povisa.

"É un servizo en precario e que depende dos intereses das empresas" concesionarias, pois o regulamento polo que se rexen é como o dos taxi. Após faceren públicas unhas condicións, poden mudalas ao seu antollo avisando previamente cun mes de antelación á Xunta e sete días a usuarias e usuarios. Actualmente, un billete de ida custa desde Cangas 2.25€ --para un traxecto de 20'-- e 2.15€ desde Moaña --para un traxecto de 15'--. Botando contas, ir e vir dúas veces no día custaría 9€.

Sería posíbel abaratar estes prezos? As empresas concesionarias son as mesmas que no verán carrexan turistas até ás Cies cobrando a 16€ o billete. "Son 200 mil billetes ao ano, a galiña dos ovos de ouro", din desde a Plataforma. E teñen unha proposta: fixar unha taxa dun euro a cada billete. "Xuntaríanse 200 mil euros ao ano, e iso dá para baixar os prezos e para mellorar a calidade do servizo". De ser a Xunta a titular podería fixar as condicións.