MULLERES

Empregadas do fogar: un traballo invisíbel, mais agora con dereitos

Cartaz da curta de Luqui Matthews
As organizacións sociais da Galiza emprenden campañas informativas sobre a nova lexislación que atinxe a unha profesión ''desprestixiada e precaria'' en que o 98,2% das traballadoras son mulleres. As xa dadas de alta, integraranse plenamente no Réxime Xeral da Seguridade Social o 1 de xullo

As organizacións sociais da Galiza emprenderon nos últimos meses campañas informativas sobre a nova lexislación que atinxe ao réxime das traballadoras do fogar e que entrou en vigor o 1 de xaneiro, cun prazo de adaptación de seis meses. Das máis recentes son as que desenvolveu o Foro Galego de Inmigración e a que a partir desta segunda feira porá en marcha o Observatorio da Mariña pola Igualdade. Do que se trata é de poñer en valor a economía dos coidados e unha profesión "desprestixiada e precaria" onde a maioría das traballadoras --o 98,2%, segundo cifras oficiais-- son mulleres.

Até o de agora, as condicións laborais do emprego no fogar recollíanse nun Réxime Especial que se rexía polo R.D 1424/1985, e que eran ben doadas de resumir: o contrato podía ser verbal ou escrito; recoñecíanse unhas vacacións de 30 días ao ano, agás aquelas mulleres que traballaban por horas --a maioría--; tiñan dereito a gozar dos permisos retribuídos que estabelece o Estatuto d@s Traballador@s --matrimonio ou nacemento de fill@s--; e para a finalización do contrato non era preciso máis que avisar con sete días de antelación sempre que a relación laboral superase o ano; e só era obrigatorio para a persoa empregadora asegurar á traballadora a partir das 20 horas semanais de traballo e en caso de baixa laboral non comezaban a cobrar até o día 29. Alén disto, a cotización como empregada do fogar non daba dereito ao cobro por desemprego.

O contrato podía ser verbal ou escrito e recoñecíanse unhas vacacións de 30 días ao ano, agás aquelas mulleres que traballaban por horas, a maioría delas

Fuxir da condición de 'escravas sociais'
Coa lexislación actual, rexida polo R.D 1620/2011, as empregadas dadas de alta pasan a se incorporaren ao Réxime Xeral como un sistema especial, unha responsabilidade que recae sobre a parte empregadora. Esta nova normativa supón unha equiparación de dereitos co resto de persoas que contan cun emprego remunerado, e no seu contrato virán contempladas cuestións que até o de agora ficaban acordadas de maneira verbal, como o número de horas de traballo, o salario ou se existe acordo de pernoctación --traballadoras internas-- e a súa retribución.

A nova regulación mellora as condicións das empregadas do fogar, recoñecendo dereitos como unha pensión de invalidez, xubilación, viuvez e orfandade; en caso de accidente de traballo cobro salarial dun 75% da base diaria de cotización do mes anterior á baixa; cobro salarial en caso de baixa por enfermidade; ou vacacións anuais de 30 días. En caso de baixa da actividade laboral, a partir do noveno día a incapacidade temporal corre a cargo da Seguridade Social, as persoas empregadoras pagarán desde o cuarto día até o noveno. Actualmente a Seguridade Social paga a incapacidade temporal das empregadas de fogar a partir do día 25.

Para as persoas empregadoras, pola súa parte, durante os anos 2012, 2013 e 2014 aplicarase unha redución do 20% ás cotizacións devengadas pola contratación de persoas que presten servizos no fogar familiar e queden incorporadas a este sistema especial, sempre que a obriga de cotizar comezase a partir do 1 de xaneiro do 2012. A redución do 20% ampliarase cunha bonificación até chegar ao 45% para as familias numerosas.

Unha reclamación que vén de vello
No ano 2002 constituíuse en Compostela a Plataforma pola Dignificación do Emprego de Fogar, que en 2004 deu paso á asociación Xiara. Aquel colectivo, de que facían parte organizacións sindicais, sociais e veciñais e en que participaban activamente as propias traballadoras do fogar, recolleu máis de 6 mil sinaturas en apoio á mudanza nas condicións da lei que regulaba este emprego. Estas sinaturas presentáronse aos tres grupos políticos con representación no Parlamento, que acordaron as bases para o cambio lexislativo e social.

O emprego do fogar é unha profesión "desprestixiada e precaria" onde 98,2% das traballadoras son mulleres

En setembro de 2007 o Ministerio de Traballo anunciou unha reforma legal que remataría coa discriminación do emprego doméstico, recoñecéndolle ao sector as condicións laborais do Estatuto d@s Traballador@s e abrindo un proceso para equiparar os seus dereitos cos do Réxime Xeral da Seguridade Social. O cambio lexislativo, máis unha vez, non chegou a se producir.

Pedían a desaparición do Réxime Especial e a integración no Réxime Xeral; a oferta e demanda de emprego a través dos servizos públicos de colocación e o peche das axencias privadas ilegais e con ánimo de lucro; o recoñecemento do traballo que están realizando as persoas estranxeiras en situación administrativa irregular, incluíndo o seu dereito á alta na Seguridade Social; e a equiparación de dereitos laborais co Estatuto das Traballadoras e Traballadores.