Nova edición da Feira do Viño de Vilachá

Adegas de Vilachá

O Concello da Pobra do Brollón organiza este fin de semana a XXVII edición da Feira do Viño de Vilachá, dúas xornadas de festa que se desenvolverán nas adegas centenarias desta parroquia da Ribeira Sacra.

Estes 5 e 6 de maio chega a Vilachá de Salvadur a nova edición da Feira do Viño, unha das citas de referencia para os amantes do viño nun entorno único como son as adegas centenarias desta zona de Quiroga-Bibei, ubicada na área xeográfica da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A XXVII edición da Feira do Viño de Vilachá dará comezo o sábado ás 12:00h coa apertura das adegas e postos de comida. Aproveitando o concurso de cantos de taberna que se celebra na Pobra do Brollón no mes de decembro, os participantes do certame animarán a xornada polas rúas e adegas da parroquia. Máis tarde terá lugar a chourizada tradicional, unha comida popular que ten como produto estrela o chourizo do barrio de Trasmonte de Vilachá. A última actuación do día será ás 21:30 co grupo Fanfarria Taquicardia, que tocará nunha das tres prazas que conforman o conxunto etnográfico de adegas centenarias.

 

A xornada dominical comezará ás 11:30h cunha alborada a cargo do grupo de gaitas da Escola Municipal de Música. Ás 12:00h haberá un novo pasarrúas de cantos de taberna, que animarán as rúas de Vilachá até ás 13:00h, hora do pregón, que será lido polo escritor, xornalista e actor Antón Lopo, veciño de Monforte de Lemos. Logo de xantar a charanga Mil 9 seguirá poñendo música á feira até o seu remate.

 

“Esta feira celébrase nun conxunto etnográfico de adegas centenarias, non hai expositores nin stands, por iso chama a atención. Desta vez haberá entre dez e doce colleiteiros, todos eles con viños de moi alta calidade, na súa maior parte Mencía. É unha boa oportunidade para achegarse e desfrutar desta zona da Ribeira Sacra”, explica Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura.