A XXVI Mostra do Aceite de Quiroga reivindica o AOVE local cun programa gastronómico, científico e divulgativo

Aceites producidos con olivas recollidas na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O evento, que se celebrará os días 14 e 15 de marzo en Quiroga, reunirá produtores, especialistas e chefs nunha fin de semana na que o aceite de oliva virxe extra será o grande protagonista cun congreso, catas, demostracións e actividades culturais.

A comisión organizadora da Mostra do Aceite de Quiroga, integrada polo alcalde José Luís Rivera, produtores e persoal técnico municipal, xunto co primeiro embaixador do aceite quirogués, o chef Kike Piñeiro do restaurante A Horta do Obradoiro, fechou xa o programa da súa vixésimo sexta edición, unha cita declarada de Interese Turístico da Galiza que volverá poñer en valor o AOVE local e as súas singularidades organolépticas.

A programación arrincará o sábado 14 de marzo co III Congreso arredor do Aceite de Oliva de Quiroga no Auditorio Municipal, un espazo de reflexión no que especialistas abordarán cuestións como a realidade das explotacións de oliveira en Galiza, a biotecnoloxía aplicada ás variedades autóctonas ou o potencial saudábel dos aceites galegos, con intervencións vinculadas á Fundación Paideia Galiza e á Universidade de Vigo. A xornada fecharase cunha cea cóctel baixo o lema “Os sabores que medran aquí”, na que os chefs participantes elaborarán propostas culinarias con produto de proximidade nun encontro gastronómico amenizado con música en directo.

O domingo 15 de marzo a actividade trasladarase tamén ao recinto feiral, onde abrirán os postos de venda do aceite elaborado polos colleiteiros da zona e onde o público poderá coñecer de preto o proceso tradicional de produción grazas ás demostracións no Muíño de Aceite de Bendilló, con transporte gratuíto para facilitar as visitas. A xornada incluirá ademais catas comentadas na sala do Museo Etnográfico de Quiroga, un dos espazos clave para a divulgación do patrimonio local.

Un dos momentos máis destacados chegará coa designación como novo embaixador do aceite de Quiroga do chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau, que tras o acto realizará unha demostración culinaria cos aceites participantes como fío condutor. A música tradicional tamén terá presenza durante toda a mañá coas actuacións da Asociación Cultural Peleriños, mentres que o público poderá visitar a primeira exposición de camelias organizada polo coleccionista José Ramón Teixeira, sumando así un atractivo máis a unha fin de semana que combina tradición, promoción económica e cultura arredor dun dos produtos máis identitarios da comarca.