O 84% das mulleres sen parella e con crianzas ao cargo, discriminadas no acceso a un emprego

A contrarreforma laboral do PP español, convertida en lei no mes de xullo co apoio de CiU no Congreso, abre máis aínda a fenda do xénero e reforza o vínculo entre as traballadoras e unha menor produtividade, ao asumiren elas en exclusiva os traballos do fogar

O 84% das mulleres galegas que encabezan familias monoparentais din sentirse discriminadas para accederen a un traballo pagado. "Canto se decatan de que tes fillos e non tes parella cren que non te vas comprometer e que vas fallar continuamente, cando a realidade é que che cómpre ese emprego máis que a ninguén".

A asimilación das mulleres á baixa produtividade, ao asumiren elas en exclusiva os traballos do fogar, explicaría esta discriminación que denuncian as galegas. Cara a ela apuntaron traballadoras que a Fundación Adecco enquisou para elaborar o II Informe Muller con Responsabilidades Familiares non Compartidas e Emprego, cunhas conclusións tiradas das respostas de 1.800 mulleres, 200 delas galegas. Na Galiza, a cuarta parte das mulleres con crianzas e sen parella non teñen emprego.

A contrarreforma laboral do PP abre aínda máis a fenda de xénero
O panorama laboral tornouse para elas máis duro aínda en xullo, cando a reforma laboral cociñada polo goberno español adquiriu forma de lei cos votos a favor de PP e CiU no Congreso d@s deputad@s. Máis poder para a empresa, diminución da negociación colectiva, presionar os salarios á baixa e un maior individualismo son os ingredientes dun texto que abriu, máis aínda a fenda de xénero.

Como exemplo do que significou esta contrarreforma da dereita conservadora sirva un cálculo botado cando se coñeceron as retribucións dos tres máximos executivos de Bankia: unha persoa que cobrase o soldo mínimo tería que se reencarnar até sete veces --coas vidas laborais de 37 anos completas-- para cobrar o mesmo que Rodrigo Rato nun ano.

E isto era antes da aprobación desta lei, que supuxo unha menor taxa de ocupación feminina, máis desigualdade salarial e unha diferenzas na vida laboral de homes e mulleres marcadas pola precariedade e a feminización da economía dos coidados, coas conseguintes lagoas de cotización. A pensión media que reciben elas no Estado español é un 40% máis baixa que a que cobran eles. Galiza ten as pensións máis baixas do estado.

Case a metade levan máis dun ano sen acceso a un salario
Se ollamos a enquisa de Adecco, o 75,4% das traballadoras perderon o emprego por un ERE, despedimento ou finalización dun contrato que non foi renovado. O 21,6% alegou como motivo da súa incorporación ao mercado laboral o feito de non ter unha parella que a apoiase economicamente. E un 3% renunciou voluntariamente ao seu posto na procura doutro cuxas condicións se adaptasen mellor á súa situación persoal, emprego que non atopou aínda.

Case a metade das mulleres que respostaron non ter acceso a un salario levan máis dun ano nesta situación, e o 72% delas estaría disposta a se desprazar coa(s) crianza(s) a outra localidade da Galiza; o 15% emigraría de ter un emprego no estranxeiro. Daquelas enquisadas que están en activo, máis da metade fan parte de nichos laborais feminizados como empregadas do fogar, coidadoras de dependentes, teleoperadoras ou auxiliares administrativas.

A estrutura máis habitual das familias cuxas condicións socio-económicas foron estudadas para este informe é a dunha muller de entre 36 e 45 anos e cunha crianza ao seu cargo. Porén, un 27% delas teñen entre 26 e 35 anos; e un 20% entre 17 e 25 anos. O 11% superan os 45 anos, coas dificultades que carrexa nestes casos a variábel da idade ligada á do sexo á hora de atopar traballo pagado. Os datos do Instituto español da muller revelan que nove de cada dez familias monoparentais (89%) dependen economicamente das mulleres.