EDUCACIÓN

''Non se cubrirán os 10 primeiros días da baixa no Ensino, mais fíxanse servizos mínimos nas xornadas de folga''

Imaxe dunha mobilización da CIG contra os recortes no Ensino
O RD Lei 14/2012, recentemente aprobado polo Goberno español, invade as competenzas galegas. A central nacionalista exíxelle á Consellería de Educación que non aplique esta norma e que a recorra perante o Constitucional. De facelo seu, sería o último ataque da Xunta contra o ensino público galego, despois dos ''ataques permanentes'' á lingua, unha suba de taxas que pode chegar aos 560€/matrícula na Universidade e á nula atención prestada ás políticas de fomento da equidade de xénero

Unha segunda-feira pola mañá, ben cediño, Anxo Louzao mira para un cadro que ten colgado enfronte. Unha muller cunha fouce, un pastor ou un mariñeiro co puño ergueito saen retratados baixo unhas letras que din 30 anos de nacionalismo sindicalista no Ensino. O secretario nacional da CIG-Ensino confesa que durmiu mal, dándolle voltas á publicación do Real Decreto-lei de medidas urxentes de racionalización do gasto público no eido educativo, que emana do Ministerio de Educación, unha nova labazada que reducirá a calidade do ensino, castigará o profesorado e aumentará o fracaso escolar.

"Se nos están a regular como se cubren as baixas... que nos queda?", pregúntase Louzao ollando para o cadro. E é que o texto do Goberno español invade "de xeito escandaloso" as competencias transferidas á Consellería de Educación no que atinxe ao horario do persoal docente, e contempla que os dez primeiros días de baixa --independentemente da súa duración-- non serán cubertos. "Mais non ven problemas en fixar servizos mínimos nunha folga que dura un día", quéixase.

"De aplicarse o Real Decreto, pode significar que se despidan máis de 2000 profesoras e profesores en Galiza", calcula o sindicalista, que viaxou a Madrid para exixir a retirada destas medidas. Mais José Ignacio Wert, sociólogo de formación, non atende ás razóns esgrimidas en contra dunha norma que "liquida a igualdade de oportunidades, ao incrementar dunha maneira desorbitada as taxas académicas, o que supón expulsar da Universidade os fillos e fillas das clases populares, e ao limitar a unha única modalidade, a oferta de Bacharelato que teñen que impartir os centros". Durante unha interpelación parlamentaria, a deputada Carme Adán lembrou que este decreto "un cambio de modelo educativo” e acusou á Xunta de "apostar polo ensino privado" ao conceder 17 millóns para concertos de colexios que segregan ao alumnado por sexo. "Con esa cantidade podería vostede pagarlle ao profesorado que eliminou", reprochoulle a Jesús Vázquez. Desde a CIG piden que a Consellería de Educación non aplique o decreto e que o recorra perante o Constitucional. A mesma petición asinárona as organizacións sindicais CC.OO Ensino, STEG, CSI-F, ANPE e UGT nun comunicado conxunto.

Porén, o departamento que dirixe Jesús Vázquez carga ás súas costas cunha ampla listaxe de medidas orientadas "á destrución permanente do ensino público", unha valoración coa que cadran tanto Louzao coma Daniel Candal, responsábel nacional dos Comités, e Carme Adán, responsábel da área de Educación do BNG no Parlamento galego, e á que as tres engaden outro eixo das políticas emprendidas pola dereita nos últimos tres anos: a privatización. Os recortes no deseño e posta en marcha de medidas que fomenten a equidade de xénero foron tamén notables.

Lingua
Mais os "ataques permanentes" ao Ensino público comezan pola lingua. Tras a aprobación do decreto do galego --unha norma que saíu adiante co rexeitamento unánime de todos os sectores sociais, desde a RAG até o cadro de docentes pasando polo estudantado-- "nin sequera o 20% das aulas se imparten no noso idioma", sinala Anxo Louzao en referenza a Primaria, Secundaria e Bacharelato. Pola súa banda, desde os Comités, Daniel Candal denuncia a pasividade da Consellería de Educación á hora de pór en marcha políticas que garantan un ensino en galego na Universidade. Así as cousas, asegura que o alumnado de titulacións científico-técnicas "non oe unha palabra na lingua propia de Galiza". Nas carreiras vinculadas á área de Humanidades, onde o galego ten maior presenza, "non supera o 15%".

En relación coa lingua, e segundo os datos da CIG, con Feijóo na Xunta modificouse pola vía de urxencia a Lei de Función Pública "para eliminar a proba en galego", os centros de normalización lingüística viron reducido o seu orzamento nun 75% en tres anos, elimináronse 43 unidades de Infantil de inmersión en galego, "botáronse á fogueira" os libros de Matemáticas, Ciencias e Tecnoloxía redactados nesta lingua --o que supuxo un gasto de 5.000 millóns de euros, sumados a outros 2.000 que se invertiron posteriormente en subvencionar as familias que tiñan dereito á gratuidade e entregarlles os mesmos textos, mais en español--. O decreto do galego supuxo, en palabras de Anxo Louzao, "a involución máis absoluta".

En Infantil, a xestión de cinco galescolas --son 16 as proxectadas-- foille adxudicada pola vía de urxencia á Fesan, a unha empresa privada "vinculada ao Opus Dei" e que se ocupa tamén de varias escolas infantís municipais. Son concesións "reaccionarias desde o punto de vista ideolóxico e reservadas a grupos que nada teñen que ver co noso país", critica a CIG por boca do responsable de Ensino.

Taxas
O balance que fan desde os Comités, neste caso en relación co sistema universitario galego, resúmese nun "retroceso alarmante". Daniel Candal asegura que este nivel educativo recibe como orzamento o 0,6% "escaso" do PIB, cando a porcentaxe noutros puntos do Estado español está ao redor do 1% e duplícase até chegar ao 2% se se toma como referenza a media dos países da Unión Europea. "O Plan Boloña aplicouse a custe cero. As esixencias financeiras para a Universidade non se puideron cumprir porque non existían partidas orzamentarias suficientes".

As taxas no ensino universitario subiron todos os anos agás no 2008-2009, cando o Goberno bipartito con Laura Sánchez Piñón (PSOE) as mantivo conxeladas "pola presión dos Comités coas campañas en defensa do ensino público", di Candal. Foron subas progresivas que oscilaron entre o 3-4% (dentro do intervalo fixado polo Goberno español de entre o 1,5% e o 6%--, mais para este ano o incremento pode chegar até o 66% --ao redor de 560 euros máis por matrícula--, ao estar ese intervalo entre o 50 e o 66%.

Desde Madrid, no Decreto-lei mencionado ao comezo deste texto, fíxase que a participación do estudantado deberá ser dun mínimo do 15% do custo real da formación. "Collen o orzamento total e divídeno entre o alumnado, sen ter en conta que non todo o financiamento é para docencia, pois tamén está a investigación e os poucos servizos que quedan sen privatizar". Así as cousas, segundo o responsábel nacional do sindicato, esta medida non é máis que unha tentativa de compensación do recorte de 300.000 euros que o Goberno español, nas mans do PP, acaba de aplicarlle á Educación.

Equidade de xénero
As políticas de igualdade adoptadas durante os catro anos de Goberno bipartito pasaron tamén pola tesoira da Xunta do PP. A unidade de Muller e Ciencia "deixouse esmorecer", denuncia desde o BNG Carme Adán, e deixouse de lado outra das apostas fundamentais durante aqueles catro anos en materia de xénero: incrementar o número de mulleres que estudasen na Formación Profesional incorporando ciclos novos, ao estar a oferta formativa neste eido "totalmente masculinizada".

No último Plan de Investigación "non aparece para nada a palabra igualdade" e a suba das taxas nas garderías, que non se constrúan os novos centros de Infantil, a eliminación da educación de balde de 0 a 3 anos ou o "desmantelamento" dun programa como Prescolar na casa, que brindaba atención a 4.000 familias, son unha mostra da aposta da Xunta de Núñez Feijóo "por devolver ás mulleres á casa, para que se fagan cargo das súas fillas e fillos".