A Xuventude polo Clima mobilízase na Galiza para demandar un "cambio de modelo enerxético" que poña as persoas "no centro"

Mobilización en Vigo, esta sexta feira. (Foto: Europa Press)
"Hai que apostar por infraestruturas de enerxía renovábel, pero con responsabilidade", defenden.

Decenas de mozas e mozos concentráronse esta sexta feira en varias cidades galegas baixo a lema 'Democratización da enerxía por un territorio autosuficiente' para exixir un cambio de modelo enerxético, que "poña no centro as persoas" e promova as enerxías renovábeis "desde un punto de vista responsábel".

Así o trasladou o coordinador de Xuventude polo Clima-Fridays for Future, Xoán Torres, en declaracións aos medios durante a concentración decorrida na praza do Rei, diante do Concello de Vigo.

Segundo apuntou, após un verán "devastador" por mor do impacto no territorio dos incendios e a seca, o Goberno español mantén "políticas enerxéticas que non conveñen para o futuro".

Ao mesmo tempo, instou o Executivo a retirarse do Tratado da Carta de Enerxía, "porque protexe infraestruturas de combustíbeis fósiles", como o gas; ou que se paralice o gasoduto MidCat.

Xoán Torres subliñou que "hai que apostar por infraestruturas de enerxía renovábel" como as placas solares para autoconsumo, "pero con responsabilidade, non para facer 'macroparques' eólicos en zonas protexidas".

"Esiximos ás administracións que invistan en enerxías renovábeis", proclamou, á vez que lembrou que a actual crise "social, económica e enerxética", "como todas as crises", afecta máis as persoas empobrecidas, que son as que sofren principalmente os efectos do cambio climático.

No caso de Vigo, lamentou que, a pesar de que o Concello asinou a Declaración de Emerxencia Climática, "serviu para practicamente nada", xa que "non cumpriu nin unha das promesas que fixo". "Ao contrario, invisten en cousas que non axudan", apostilou.