A Xustiza rebaixa seis meses a condena dun pai que abusou sexualmente, de forma reiterada, da súa filla

Até o momento aprobáronse 28 reducións de pena e rexeitáronse outras 24. (Foto: Nós Diario)
Pola contra, os xuíces rexeitan a redución da pena nun caso semellante de violación.

A sección sexta da Audiencia Provincial vén de rebaixar de 11 a 10 anos e medio de cárcere a pena imposta a un condenado por abusar sexualmente, de forma continuada, da súa filla menor de idade. No auto, difundido esta cuarta feira polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, a Audiencia Provincial apunta que na actualidade o marco punitivo da conduta do condenado é "lixeiramente máis beneficioso", polo que acordou que procede a revisión da pena imposta e reducir en seis meses a prisión.

Este caso correspóndese co dun pai adoptivo dunha menor, que foi violada polo condenado, o cal abusou dela en varias ocasións tras, segundo o veredicto xudicial, sometela ás súas ordes, que incluíron a limpeza e aseo do home, xubilado anticipadamente e que presentaba obesidade. A nena foi abusada con 11 anos e, sempre con base na sentenza, cumpría o que o seu pai dicía para recibir o seu "afecto" e non ser "castigada".

Caso semellante rexeitado

Noutro auto, a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou revisar a condena de cinco anos e medio de prisión imposta tamén a un pai por abusar da súa filla menor de idade. Neste caso, segundo indican os maxistrados, "a nova regulación non resulta máis favorábel, senón, ao contrario, a conduta estaría máis gravemente sancionada porque a pena prevista oscilaría entre os 7 e os 15 anos", ao abeiro do artigo 180.1 da nova lei.

Concretamente, apuntan que concorre a circunstancia quinta, é dicir, que para a execución do delito "a persoa responsábel se valese dunha situación de convivencia ou parentesco, por ser ascendente, ou irmán, por natureza ou adopción, ou afíns, ou dunha relación de superioridade coa vítima". Aliás, a Audiencia destaca que no caso axuizado trátase dun delito continuado.

Sumadas as novas decisións que transcenderon esta cuarta feira, a Galiza rexistra 28 reducións de pena tras a entrada en vigor da lei do 'só si é si', mentres que outras 24 foron rexeitadas dun total de 52, aínda que non transcenden desde as audiencias todas as peticións, tal e como aclararon fontes do TSXG.

Esta mesma terza feira sección primeira da Audiencia Provincial acordou tamén revisar as penas impostas a cinco condenados por delitos sexuais e denegou a revisión a outros sete condenados.