A xustiza mantén a pena de 7 anos de inhabilitación ao ex presidente da Deputación de Pontevedra

Rafael Louzán, sentado na bancada dos acusados- (Foto: Europa Press)
A decisión da Audiencia Provincial de Pontevedra non é firme, e contra  súa resolución aínda cabe recurso de casación.

A Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu manter a pena de sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación na concesión da reforma do campo de fútbol de Moraña que lle fora imposta ao antigo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Ademais, Louzán resultou absolto da condena de dous anos de cárcere por un delito de fraude relacionado coa mesma concesión.

O fallo do tribunal, asinado o pasado 3 de maio e dado a coñecer, estima parcialmente o recurso do actual presidente da Federación Galega de Fútbol contra a sentenza do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra pola concesión dunha subvención de 86.311 euros para a realización das obras, que estaban no seu maior parte xa executadas.

A decisión da Audiencia Provincial de Pontevedra non é firme, e contra a súa resolución aínda cabe recurso de casación.

"Sen prexuízo para a administración"

O tribunal argumenta que Louzán cometeu irregularidades para adxudicar a axuda á empresa, pero entende que non houbo fraude porque non existiu "prexuízo nin risco de prexuízo para a administración e tampouco se acreditou nos acusados o dolo ou intención de prexudicar o patrimonio da administración".

Pola súa parte, a antiga rexedora de Moraña e delegada territorial da Xunta, Luísa Piñeiro, resultou absolta tanto do delito de fraude como do de prevaricación por un defecto de forma.

Así mesmo, a audiencia aplicou a mesma sentenza que a Louzán ao director de Infraestruturas da Deputación, o administrador e un empregado da empresa adxudicataria.