"É de xustiza": Lores presenta ás Alcaldías da área de Pontevedra un documento aberto para reclamar a gratuidade da AP-9

Miguel Anxo Fernández Lores, esta cuarta feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

Na misiva, o rexedor de Pontevedra incide na “carencia dunha alternativa” de comunicación con estrada entre Vigo e Pontevedra "digna para os parámetros e condicións actuais".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu unha carta a todas as Alcaldías da área propóndolles un escrito aberto para facer unha fronte común para reclamar a gratuidade do tramo da autoestrada AP-9 entre a capital do Lérez e Vigo.

Nunha comparecencia decorrida esta cuarta feira, Lores presentou o documento que dirixiu ás Alcaldías de Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Cangas, Moaña, Bueu, Marín, Poio, Barro, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, aínda que a proposta "obviamente, está aberta á posibilidade de incorporación doutros concellos que mostren interese".

Lores recalcou que este texto é "un borrador aberto a suxestións, achegas e correccións" que as Alcaldías poderán facer durante os próximos dez días, para logo redactar con todas elas un texto definitivo e proceder á súa firma e remisión aos seus destinatarios.

Na súa misiva, o rexedor lembra que a autoestrada AP-9, no tramo entre Pontevedra e Vigo, tivo inicialmente unha concesión até o ano 2013, posteriormente prorrogada até 2023 e, despois, novamente prorrogada 25 anos máis até o 2048.

Sostén que no tramo Pontevedra a Vigo danse unhas "circunstancias especiais que se deben ter en conta", sen menoscabo das reivindicacións da liberación da peaxe en toda a autoestrada ou noutros tramos, engade, xunto ao recoñecemento das melloras que supuxeron as bonificacións para o Morrazo e as actuais para usuarias recorrentes.

Segundo explica o alcalde, Pontevedra e Vigo forman parte, xunto co Morrazo e os concellos da ría de Pontevedra dunha mesma conurbación, "unha mesma área metropolitana". Ademais destaca a "carencia dunha alternativa" de comunicación por estrada entre ambas as cidades "digna para os parámetros e condicións actuais".

A terceira circunstancia na que incide Lores na súa proposta é a "profunda asimetría" entre as relacións entre O Morrazo e Vigo, "subvencionada a conexión con Vigo, pero non así a conexión con Pontevedra".

Por estes motivos, o alcalde da cidade do Lérez conclúe que "é de xustiza a petición de que se libere de peaxe o tramo da autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Vigo, e se dea cumprimento a esta reivindicación histórica".

Estas peticións dirixiranse ao Ministerio de Transportes e aos grupos políticos do Congreso e do Senado, para que as tomen en consideración "e adopten as medidas e iniciativas para darlle cabal cumprimento".