A Xustiza galega resolveu 19,1% máis procedementos en 2021 que en 2020

Proceso xudicial na Galiza nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O número de trámites pendentes ao final de 2021 é igual que ao feche de 2019.

Até 332.847 procedementos foron resoltos en 2021 polos xulgados e tribunais galegos, o que supón 19,1% máis que en 2020 -cando frearon a súa actividade pola chegada da pandemia de Covid- e 2% máis que en 2019, cunha taxa de resolución de 1,03, polo que foron resoltos máis casos dos que se rexistraron ao longo do exercicio, indica o informe publicado onte pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Ao comezo de 2022, había nos estamentos xudiciais da Galiza 156.027 casos en trámite, case os mesmos que nese intre de 2020 e 7,2% menos que hai un ano.

Nos 323.618 novos asuntos abertos en 2021, a taxa de litixiosidade quedou en 120,1 procedementos por cada 1.000 habitantes, 12 puntos por baixo da media estatal.

Aumento en todas as xurisdicións

O ano pasado aumentou a entrada e a resolución de casos en todas as demarcacións provinciais e nas distintas xurisdicións, ao tempo que se detectou un descenso dos casos en trámite.

Na xurisdición Civil o incremento de casos ingresados foi do 8,7%, cun 21,3% máis de resolucións e un 7,4% menos de trámites pendentes, mentres que na Penal aumentaron 8,6% os procedementos, un 13,9% os casos resoltos e hai 10,2% menos asuntos en trámite.

Pola súa parte, no Contencioso-administrativo o aumento de trámites alcanza 12,9% máis, o de casos resoltos 23,7% máis, e, paralelamente, caen 3,8% o número de casos pendentes.

A isto hai que engadir as estatísticas da xurisdición Social, que tramita 21% máis de asuntos que no ano anterior, cun 30,9% máis de procedementos resoltos e un 2,8% menos de trámites pendentes.