O TXUE confirma a sentenza da Audiencia da Coruña que obriga a aseguradora do Prestige a compensar o Estado español

O Prestige, no momento de partirse e afundirse. (Foto: Armada española)
O tribunal europeo subliñou que o acordo entre o asegurador e o asegurado non pode obrigar ao prexudicado a acudir ao tribunal do lugar de domicilio da aseguradora en lugar de no que ocurriu o incidente polo que se reclama a indemnización, e rexeita así a solicitude da aseguradora de declarar que o Estado español estaba obrigado a presentar o seu recurso ante a xustiza británica.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ditaminou esta segunda feira que a sentenza española prevalece sobre a arbitraxe británica no caso que enfronta o Estado español coa aseguradora do Prestige, London P&l Club, polo que estaría obrigada a pagar a compensación polos danos da marea negra.

No seu ditame, o alto tribunal considera que o laudo arbitral ditado en 2013 en Reino Unido non pode impedir o recoñecemento da sentenza ditada no Estado español pola Audiencia Provincial da Coruña, que obrigaba á aseguradora ao desembolso de 855 millóns de euros.

O tribunal europeo subliñou que o acordo entre o asegurador e o asegurado non pode obrigar ao prexudicado a acudir ao tribunal do lugar de domicilio da aseguradora en lugar de no que ocurriu o incidente polo que se reclama a indemnización, e rexeita así a solicitude da aseguradora de declarar que o Estado español estaba obrigado a presentar o seu recurso ante a xustiza británica.

Para o TXUE, situar o laudo arbitral británico sobre a sentenza do tribunal español e impedir o recoñecemento dunha resolución doutro Estado membro sobre a responsabilidade de contrato de seguro, "privaría" ao prexudicado "da reparación efectiva do dano sufrido".

Detalles da resolución do TXUE

A xustiza europea explicou que un laudo arbitral só pode "impedir" o recoñecemento de resolucións xudiciais doutros Estados membro, se o contido dese laudo "vai seguido dun procedemento xudicial" que transcriba as conclusións desa arbitraxe nunha resolución xudicial, tal e como estabelece o Regulamento nº44/2001. Unha resolución xudicial que non se produciu neste caso.

Ademais, o alto tribunal indicou que o laudo arbitral británico foi emitido nunhas condicións nas que non sería posíbel ditar unha resolución xudicial e contradi, así, a recomendación do Avogado Xeral do pasado maio, que concluíu que o laudo arbitral debe considerarse unha "sentenza relevante", polo que prevalecería a lei británica sobre a sentenza española.

Nun paso máis, o alto tribunal observou que "o procedemento relativo á acción civil no Estado español e o procedemento arbitral en Londres", non só enfrontaban as mesmas partes, senón que ademais tiñan o mesmo obxecto e a mesma causa: a responsabilidade de  London  P&I Club fronte ao Estado español de acordo ao contrato de seguro entre a aseguradora e os propietarios do Prestige, polos danos causados polo naufraxio.

A corte europea subliñou que o tribunal británico responsábel de ditar a arbitraxe debe comprobar que se cumpre o Regulamento comunitario para previr elusións, como levar a cabo un procedemento arbitral contravindo a cláusula compromisoria do contrato de seguro.