“Xustiza, dereitos e dignidade”, piden as familias das maiores falecidas nas residencias

Acto en Compostela de familiares de usuarias de residencias (Imaxe: REDE)
A Praza da Quinta, en Santiago de Compostela, acolleu unha nova homenaxe-mobilziación de familiares de vítimas da xestión da pandemia do coronavirus nas residencias de maiores. Denuncian a negativa da Xunta a investigar a crise e a xestión nos xeriátricos, e piden unha rede pública destes centros para que non se especule coa vellez. 
 

Alzando carteis co número de persoas maiores falecidas nas residencias a causa da Covid-19 (729 segundo o último parte do Sergas) decorreu unha nova homenaxe-mobilización polas usuarias e usuarios dos centros xeriátricos que morreron desde o inicio da pandemia.

O evento tivo lugar este domingo, 27 de setembro, na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, logo de que onte decorrera en Vigo. A convocatoria parte da federación de familiares e usuarias de residencias REDE e tiña como obxectivo denunciar a Xunta da Galiza por impedir que se leve avante unha comisión de investigación sobre a xestión da crise nas residencias, que sipediu a oposición no Parlamento galego para analizar que se fixo mal e que fallou para non repetir os mesmos erros.

Reclaman, ademais, “xustiza, dereitos e dignidade”, di a Nós Diario Xosé Bernárdez, presidente do colectivo Vellez Digna e secretario de REDE. Entre as reivindicacións do movemento tamén está a exixencia dunha rede pública de residencias “para garantir unha vellez digna e que non se faga negocio coas e cos maiores a través de fondos voitres”.

Bernárdez denuncia tamén con dureza a “ocultación da cifra de falecementos” nos centros xeriátricos e demanda que se saiba o “número real”.

Durante o acto criticouse a vulneración dos dereitos humanos nos centros xeriátricos e exixiuse o cumprimento dos dereitos laborais e dos convenios, cuestións ausentes, din desde REDE, nos centros privados e nos públicos xestionados por empresas lucrativas e fundacións.

Desde REDE son moi críticos coa mala calidade asistencial que teñen as residencias de maiores na actualidade na Galiza, como indica o dato de que “houbo 24 veces máis posibilidades de morrer nunha residencia privada que nunha publica”. De feito, onte en Vigo, tal e como recolleu Nós Diario, denunciouse que “mentres que só 3% das persoas maiores do país viven en residencias, producíronse nelas 45% dos falecementos rexistrados por coronavirus”.

Para REDE estes servizos non se non deben privatizar para non converter en mercadoría as e os maiores, “deixándoos en mans de fondos voitre que especulan e teñen unicamente por bandeira os cartos, recortando en material coidados e alimentación, chegando a uns niveis verdadeiramente xenocidas”.

Xunto ás e aos familiares das vítimas, estiveron na Quintana Xosé Luís Rivas ‘Mini’, deputado do BNG; Marina Ortega, deputada do PSdeG, e o líder de Anova, Antón Sánchez.