A xustiza declara ilegal o cesamento do director do IES Illa de Arousa

Alfonso Malvido

Fóralle aberto un expediente por parte da Xefatura territorial da Xunta en Pontevedra após retrasar o inicio do curso por falta de profesorado.

 

Alfonso Malvido fora cesado pola Consellaría de Educación como director do IES Illa de Arousa o 31 de decembro de 2013 após suspender un día o inicio do curso escolar por non contar con profesorado suficiente para dar cobertuda ao servizo. 

Máis dun ano despois e logo de presentar un recurso a CIG-Ensino en nome do afectado, o xulgado do contencioso-administrativo de Pontevedra vén de ditar sentenza. A xustiza declara ilegal a revogación de Malvido e a súa inhabilitación para postularse como director do centro, segundo comunicou a central sindical nacionalista. 

A xustiza declara ilegal a revogación de Malvido e a súa inhabilitación para postularse como director do centro

O fallo, con carácter firme, condena a Xunta a abonarlle 8.644 euros correspondentes ao importe que Alfonso Malvido deixou de percibir polo seu cargo desde que foi cesado. Aliás, o goberno galego deberá facer fronte ao pagamento das costas do xuízo. 

Piden o "cese fulminante" do xefe territorial

Desde a CIG-Ensino afirman que a sentenza pon de manifesto a actuación "represiva" e "contraria á lei" practicada pola Xefatura territorial da Xunta en Pontevedra. Asemade, lembran que o retraso no inicio do curso respondía á falta de profesorado. No concreto, un docente " imprescindíbel para o funcionamento normal do centro", apuntan. 

"A contundencia da sentenza esixe do conselleiro de Educación o cese fulminante do xefe territorial xa que confirma a denuncia feita no seu día pola CIG e máis de 5.000 sinaturas do profesorado de que esta sanción o que perseguía era amedrentar e calar as voces reivindicativas que esixen máis profesorado nos centros para mellorar a calidade no ensino", conclúen.