O TSXG avala a ordenanza de Compostela sobre os pisos turísticos: que implica esta regulación?
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza non ve contradición entre a nova ordenanza e o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou un dos dous recursos interpostos á ordenanza que regula as vivendas de uso turístico (VUT) en Compostela ao considerar que esta non contradí o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que non invade outros ámbitos competencias.
Esta ordenanza foi aprobada definitivamente en novembro de 2024, co obxectivo de regular a comunicación ao Concello respecto deste tipo de vivendas para "facilitar" a súa supervisión, establecendo mecanismos para revisar o cumprimento das normativas ás que están suxeitas.
Neste senso, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, deu conta esta cuarta feira dos "froitos" dados por esta e outras actuacións, realizadas polo seu departamento fronte ao control e redución dos pisos turísticos. Entro outros, fixo eco dunha sentenza ditada polo TSXG o 28 de xaneiro de 2026 que desestima un dos dous únicos recursos interpostos á ordenanza aprobada.
Na súa sentenza, o maxistrado ditou que do PXOM "non se desprende ningún mandato normativo co que a ordenanza aprobada entre en contradición", como alegaba o recurso xulgado.
A parte demandante tamén sostiña que o Concello lexislaba o aluguer por habitacións con finalidade turística -o que lle corresponde á Administración galega-, algo que a resolución desmente. "A normativa impugnada non determina novos usos, nin é a norma que estabelece esa posibilidade de cesión", defende o TSXG, que explica que as disposicións impugnadas teñen unha intención "exclusivamente procedemental".
O órgano xudicial engade que a ordenanza tampouco estabelece "ningunha" regulación en materia de propiedade horizontal que "invada" a competencia reguladora do Estado. Agora, a esta sentenza cabe interpor recursos de casación ante o Tribunal Supremo ou ante a Sala correspondente do mesmo TSXG.
As medidas que estabelece a ordenanza
Esta ordenanza inclúe dous usos: o aluguer turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano e sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física —entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano—, e tamén o aluguer turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual. Neste último caso, aínda que se recolle na ordenanza municipal, tería que ser permitido expresamente na normativa de turismo da Galiza —actualmente está prohibido, conforme ao Decreto 12/2017—.
A ordenanza detalla a documentación que deberá achegarse coa comunicación previa, entre a que se inclúe unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatíbeis cos estatutos da comunidade veciñal.
O texto só regula o procedemento de comunicación de usos asimilados ao de vivenda e que en ningún caso entra a regular ou regularizar usos preexistentes aos estabelecidos na planificación vixente. Neste senso, os informes xurídicos conclúen que non é posíbel legalizar actividades preexistentes á modificación do PXOM que non fosen expresamente tratados nunha disposición da propia norma.