A xustiza cuestiona os postos de alta dirección na CRTVG

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. (Foto: Nós Diario)

Nova sentenza contra a política de persoal do ente.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acaba de condenar por despido improcedente dun traballador á Corporación da Radio Televisión da Galiza (CRTVG).

A sentenza, contra a que cabe recurso en casación, obriga o ente público a readmitir o operario despedido ou, no seu defecto, a indemnizalo con 173.303,95 euros. As fontes xurídicas consultadas por Nós Diario consideran que “malia a posibilidade a recorrela en casación para unificar doutrinas, na práctica trátase dunha sentenza firme”.

A sentenza, á que tivo aceso este medio, sinala que “téndose declarada a existencia da relación laboral común, o cese acontecido na relación merece a cualificación de improcedente, tal é como se solicita no motivo do recurso, que por iso debe ser estimado”. Ao tempo, a alta contía a percibir en concepto de indemnización polo traballador despedido derívase da categoría profesional deste e dos anos que leva vinculado á empresa.

Nesa dirección, persoas coñecedoras do procedemento sinalan a Nós Diario que “non se entende como a dirección da compañía procedeu  a despedir a unha persoa que leva décadas na empresa e que está piques de xubilarse”.

O auto xudicial pon en cuestión toda a política sobre o persoal de alta dirección levada adiante nos últimos anos pola CRTVG. Neste sentido, diversos xuristas explican a Nós Diario que “até agora entendíase que CRTVG contaba con aproximadamente 40 traballadores considerados como persoal de alta dirección, porén á vista desta resolución, o seu número redúcese a menos de 10”.

O alcance da sentenza

“Estamos diante dunha sentenza que cuestiona toda alta dirección da CRTVG e, por suposto, os procedementos de contratación seguidos nestes. A resolución vai abrir a porta a toda unha serie de demandas de persoas para regularizar a súa situación”, conclúen estas mesmas fontes xurídicas en declaracións a Nós Diario.