A xustiza aproba revisar a pena por delitos sexuais a 5 condenados e denégallo a 7

Sede da Audiencia Provincial da Coruña.
Igualdade aumentará os fondos do Pacto contra a Violencia de Xénero.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acordou esta terza feira, aludindo á nova lei do "só si é si", revisar as penas impostas a cinco condenados por delitos sexuais e denegou a revisión a outros sete condenados.

Nun dos casos, os maxistrados fixaron en 13 os anos de cárcere, en lugar de 14 anos e tres meses de prisión, a condena a un autor dun delito continuado de agresión sexual. En dous casos decretaron reducir de seis a catro os anos de prisión aos que foran sentenciados dous autores dun delito de agresión sexual.

O tribunal tamén revisou a pena de tres anos de prisión imposta por un delito intentado de agresión sexual e impúxolle a un condenado, no seu lugar, dous anos de cárcere.

A última rebaixa, neste caso de dez a nove anos de prisión, foi a un condenado por un delito continuado de abuso sexual a menor de 16 anos. Con estes son 27 os agresores sexuais que tiveron rebaixas da súa pena  en relación á lei do "só si é si" na Galiza.

Fondos do Pacto contra a Violencia Machista

O Ministerio de Igualdade propúxolle onte ás comunidades autónomas un aumento de 35,8%, respecto do ano 2022, do reparto de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero e da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero para loitar contra "esta lacra".

Segundo informou o departamento que dirixe Irene Montero, o reparto dos fondos que se transferirán ás comunidades contará neste 2023 con 42 millóns nesta materia.

O Ministerio sinalou que o aumento nun 35,8% deste reparto dos fondos supón que o Ministerio de Igualdade transferiu desde 2020 case 500 millóns de euros ás autonomías.