A Xustiza anula as sancións por desobediencia no confinamento

Control de mobilidade en Compostela durante o confinamento. (Foto: Europa Press)
Os xulgados galegos están a anular de forma sistemática as multas interpostas por saír do domicilio durante o confinamento da primavera. O motivo, que todas elas foron tramitadas como desobediencias á autoridade, cando o que se infrinxía era o estado de alarma. Hoxe xa se tramitan por outros mecanismos.

Un paseo polo porto ou por un parque de Vigo, unha viaxe ao supermercado cun fillo lesionado, un traslado conxunto ao traballo, outro para levar un remolque de Lugo a Friol, unha saída á farmacia...

Os casos son variados pero comparten que todos foron sancionados polas Subdelegacións do Goberno español durante o confinamento derivado do primeiro estado de alarma como actos de "desobediencia á autoridade" e que agora as sancións veñen de ser revocadas na vía xudicial, mesmo cando as persoas afectadas aboaran a multa por "pronto pago".

As sentenzas, que até a data suman na Galiza media ducia e implican 11 infraccións, coinciden ao apreciar que os expedientes sancionadores incorreron nunha vulneración do principio de tipicidade, ao considerar desobediencia o mero feito de incumprir o estado de alarma.

O motivo, como explica a resolución do xulgado contencioso administrativo 1 de Lugo, está en que o ilícito administrativo de desobediencia "require unha negativa ou resistencia do cidadán para cumprir unha concreta, clara e precisa orde ou mandato dos axentes ou da autoridade".

Neste sentido, o xuíz do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra salienta que o incumprimento dunha disposición de carácter xeral non pode entenderse por si só como desobediencia.

"Do contrario, estariamos diante dun tipo infractor 'en branco' que permitiría sancionar directamente calquera incumprimento de calquera lei ou regulamento", advirte, sinalando que entre marzo e maio estas condutas identificáronse "de maneira artificiosa e manifestamente inadecuada" con "desobediencia" para dar eficacia ao confinamento e evitar remitir os expedientes á Xunta, na que recae a competencia das  fracciones en materia sanitaria.

Hoxe, son xa os Concellos ou a Xunta quen sanciona estes incumprimentos, que se vinculan coa "protección da saúde" e non coa seguridade cidadá.