Xurxo Souto, músico: "A miña avoa repetía 'Fraga di que non hai chapapote, e o chapapote vese'. Até ela soubo que lle mentían''

Tal día coma hoxe hai dez anos un petroleiro berraba por axuda namentres ameazaba Galiza con máis unha marea negra. O entrevistado andaba polos estudos da radio pública, participando nun programa local. Uns días despois, era un dos nomes máis recoñecidos do movemento Nunca Máis


Que facía cando coñeceu a nova do barco á deriva?

Fora como entrevistado a un programa da Radio Galega que facían aquí, na Coruña, e andabamos pola mañá moi indignados todos porque co motivo do temporal caera un guindastre e morreran dúas señoras. Lembro que interromperon o programa porque había un buque que tiña problemas e que estaba á altura de Muxía. Mais todos ficamos moi tranquilos. Pensabamos que despois do Urquiola e do Mar Exeo era imposíbel outra marea negra, que as autoridades estarían sobradamente preparadas. Así que, non lle demos demasiada importancia a esa primeira información.

"Nunca Máis é un movemento político afortunadamente. Insisto: afortunadamente"

Só uns días despois o barco partiu. A contestación social tivo un nome, Nunca Máis, un movemento ao que quixeron desprestixiar acusándoo de 'político'. Que ten de malo que sexa, aínda hoxe, un movemento político?

Nunca Máis é un movemento político afortunadamente. Insisto: afortunadamente. Cada vez que a cidadanía expresa a súa opinión de maneira decidida está a facer política, e este movemento pretendía transformar a realidade diante da incompetencia das autoridades, que converteron un accidente dun barco na maior catástrofe ecolóxica que viviu a nosa costa. A resposta política da cidadanía foi primeiro apañar o chapapote na ribeira e despois amplificando ese problema que as autoridades negaban e que fixo moverse a centos e centos de voluntarios. Insisto: plataforma cívica e altamente política.

Traballou na Radio Galega. Coñece a situación dos medios públicos desde dentro. Pode valorar o papel que xogaron á hora de informar da marea negra?

Houbo un intento de control da información por parte do Goberno, nomeadamente nos medios públicos. Todo o mundo lembra aquel anuncio que había nos corredores da Televisión de Galiza que dicía 'prohibido falar de marea negra'. Así, claramente. E ese intento de negar a realidade foi o que provocou unha resposta na cidadanía, unha xenreira colectiva sen precedentes, co gran labor desenvolvido pola plataforma Nunca Máis, dando a coñecer o que acontecía realmente. Lembro, por exemplo, á miña avoa que dicía 'Fraga di que non hai chapapote e o chapapote vese!' Até a xente maior entendeu que se lle estaba a mentir.

"Todo o mundo lembra aquel anuncio que había nos corredores da Televisión de Galiza que dicía 'prohibido falar de marea negra'. Así, claramente"

Hoxe declara Apostolos Mangouras, capitán do Prestige, e os mesmos medios recalcan que el xa sabía que algo nos tanques ía mal. É Mangouras o chivo expiatorio que cómpre para que se deixen de pedir outras responsabilidades?

Desde logo Mangouras non é o principal responsábel desta catástrofe. Ben ao contrario, e na miña humilde opinión, el fixo o que tiña que facer, á marxe das irregularidades que rodeaban o propio transporte do Prestige, o flete, a aseguradora... había un problema importante no seu barco, cun buraco nun costado, arrimou á terra e reclamou axuda para procurar o transvase da carga.

O grave problema estivo nesa decisión profundamente desacertada e prepotente das autoridades de enviar o barco a alta mar. Mangouras, como moito, é un implicado. A responsabilidade última corresponde ao Goberno español, nomeadamente ao titular de Fomento, (Francisco) Álvarez Cascos, e en última instancia a José María Aznar como presidente daquel goberno.

Que agarda dun xuízo que arrincou xa fanado, dez anos despois?

Remarco o que acabas de dicir: o xuízo cando chega dez anos despois xa de entrada é un fracaso. Como membro de Nunca Máis o que agardo é que non fique na impunidade a Administración como principal responsábel desta desgraza.

"Mangouras, como moito, é un implicado. O grave problema estivo nesa decisión profundamente desacertada e prepotente das autoridades de enviar o barco a alta mar"

Hai algo que celebrar neste aniversario?

Si, e quixera recalcalo. Que o xuízo cadre con este décimo aniversario non debe eclipsar un tempo de celebración. Como nun tempo en que sentimos que o Goberno non nos coidaba, a cidadanía deu un paso cara adiante e converteuse nun referente para toda Europa desde aquí, por primeira vez, desde a periferia da periferia, dunha causa de futuro, iso de que a dignidade das persoas principia pola dignidade das persoas.

De entre todas as manifestacións quero destacar a de Bruxelas da que fixo parte xente de Italia, de Angola, de Escocia... todos cadramos alí. E galegos só eramos unha ducia. Foi marabilloso que todo o continente soubese da existencia dun País e dunha cultura cargada de creatividade, de vida, lanzando unha mensaxe absolutamente válida para o presente, cando gobernan os mercados: o poder das persoas para transformar a realidade. Esa é a grande mensaxe de Nunca Máis.

Porén, diría que toda esta revolta social serviu de escarmento perante a posibilidade doutro Prestige?

Definitivamente si. Ás veces dise que pasou o Prestige e todo quedou como estaba, mais non é verdade. Mudou todo de maneira radical. Cando foi a revolución francesa cortáronlle a cabeza ao rei, e uns anos despois volveu a monarquía. Parecía que nada mudara, mais mudara todo, porque o pobo deixara de ser súbdito, convertéranse en cidadáns. Aquí non se trata de lle cortar a cabeza a ninguén nin como metáfora mais, desde logo, a causa da natureza, do ecoloxismo, xa non é unha cuestión de catro excéntricos que viven fóra do sistema senón a pedra axial de todos os programas dos partidos políticos.

Se un novo barco volve ter problemas os responsábeis non estarán de caza, nin se achegarán a Galiza un mes despois nin insultarán á poboación dicindo que son 'resentidos que ladran su resentimiento en las esquinas' (palabras de José María Aznar) Hai moito que avanzar, evidentemente, e o risco de que outro Prestige sexa posíbel é real. Mais a causa do mar e da seguranza marítima xa non é unha cuestión menor nin sequera para os gobernos que dirixen as cuestións do mar desde a meseta.

Facendo fincapé nesta última cuestión, son moitas as voces que defenden que ningún mariñeiro tería tomado a decisión adoptada polo Goberno español naquel momento. Constante Permuy non era mariñeiro...

(ri) Era frigorista!

"Se un novo barco volve ter problemas os responsábeis non estarán de caza, nin se achegarán a Galiza un mes despois nin insultarán á poboación dicindo que son 'resentidos que ladran su resentimiento en las esquinas'"

Que cre que faría el co Prestige?

Constante Permuy faría exactamente o que lle ouviu a Felipe Louzán, profesor de Náutica na Coruña, durante a súa comparecencia na Comisión do Prestige. Como experto e como perito dixo que fora especialmente desacertada a decisión de levar o barco a alta mar, algo en que todo o mundo que aplique o sentido común coincide. Houbo un europarlamentario do PP que lle dixo que a súa opinión era sesgada, porque Louzán defendía que o mellor tería sido levar o barco a augas tranquilas do seo de Corcubión.

Preguntou o do PP que faría el se leva o barco a Corcubión e afunde. Louzán respondeu: "na guerra do Golfo moitos petroleiros foron bombardeados, moitos sufriron danos estruturais moi profundos, mais ningún afundiu. Sabe por que? Porque estaban navegando por augas tranquilas, como as do seo de Corcubión. Constante Permuy faríalle caso aos técnicos da Mariña Mercante e levaría o Prestige a augas tranquilas onde puidese ser transvasada a carga e se resolvese o problema de maneira controlada, fronte a esa decisión delirante de enviar o petroleiro ao abismo.

** Constante Permuy protagonizou a radionovela 'Os frigoristas', escrita por Xurxo Souto e dedicada desde os micros da Radio Galega á figura deste rapaz do barrio coruñés de Montealto que andaba embarcado. A banda sonora, 'Non chas quero, non chas quero, nabizas do teu nabal...', é ben coñecida na Galiza.