Xurxo Lobato: “Nunca Máis foi unha toma de conciencia contra unha actitude de goberno moi desprezativa cara a Galiza”

Xurxo Lobato
Foi os ollos da catástrofe a través da fotografía do afundimento, mereceu o Premio Premio Ortega i Gasset, e tamén da protesta cidadá, recoñecida co premio da Plataforma Nunca Máis de Vigo. Como lle pasou a moit@s recoñece que despois do Prestige non todo foi igual.

 

Como entrou o Prestige na súa vida?

Eu estaba en Vigo na inauguración do MARCO, nunha exposición sobre o grupo Atlántica que contaban cunha fotografía miña. Recibín varias chamadas da redacción comentando que había un petroleiro perto de Muxía nunha situación moi complicada. Ao día seguinte púxenme co tema e seguín todo o proceso.

Como saca a coñecida fotografía do afundimento?

Lembro que ás 8:40 escoito na radio que o 'Prestige' se parte en dous. Conseguín unha avioneta, a única de dous motores en Alvedro, e tras unha hora de viaxe chegamos ao lugar. Fixen a fotografía a través da fiestra pechada e ao volver xa tiña chamadas de moitos medios: era unha exclusiva mundial. A armada do exército fixo máis fotografías que logo distribuíra EFE. Chego a tardar algo máis e non a fago. Logo chegaría Reuters nun helicóptero e fixo a última antes de afundirse de todo. A axilidade na previsión é o que nos permite termos unha noticia.

Fun consciente que estabamos asistindo a algo nunca visto en Galiza

Non é a primeira fotografía súa relacionada cunha protesta ecolóxica...

O slogan de Nunca Máis naceu cando afundiu o Mar Egeo. Daquela fixera unha fotografía case aérea desde un rañaceos da Coruña e tamén se empregou nas manifestacións de protesta. É un orgullo mais eu prefería que non existisen, deste xeito non existiría a contaminación.

Seguindo a protesta fixo o libro “No país de Nunca Máis”...

Fun consciente que estabamos asistindo a algo nunca visto en Galiza: unha toma de conciencia contra unha desfeita ecolóxica e contra unha actitude de goberno moi desprezativa cara a Galiza. O grao de mobilización foi incríbel. A primeira manifestación do Obradoiro encheuse varias veces e con chuvia! Decidín facer unha crónica, levantar acta visual de todo o que sucedía para que quede na posteridade. Argallei o libro. Fun a Bruxelas, a Madrid e outras pola miña conta. Interesábame o movemento social. Interesábame Nunca Máis.

Como ves ese movemento dez anos despois?

Queda a idea de que o pobo galego non é tan submiso como ás veces se di. Non esquezamos que, tanto polo autonomismo como pola democracia en España, Galiza non foi vangarda mais podemos dicir que si o foi na loita ecolóxica e medioambiental. Queda unha sensibilidade na poboación e para os gobernos a idea de que xa non van poder ter o desprezo que tiveron eses días.