Xurxo Carreño, confirmado como novo colaborador do Land Rober após asegurar que non cobraba "nin da Xunta nin da TVG"

Roberto Vilar e Xurxo Carreño. (Foto: Nós Diario)
O programa que presenta Roberto Vilar volve á grella da TVG esta segunda feira cun novo formato, buscando competir directamente con espazos estatais como El Hormiguero ou La Revuelta e recuperar o terreo perdido en audiencia pola televisión pública galega nos últimos meses.

O influencer Xurxo Carreño será un dos novos rostros do Land Rober Máis Show na súa etapa renovada, que regresa á grella da TVG esta segunda feira. A canle pública presentouno nas últimas horas como "o primeiro colaborador" do novo formato, que pasará a emitirse de segunda a quinta feira, buscando competir directamente con espazos estatais como El Hormiguero ou La Revuelta para recuperar o terreo perdido en audiencia nos últimos meses —en outubro a TVG foi a cuarta canle máis vista na Galiza, cun 7,7% de share, o seu segundo peor dato do ano—.

O anuncio non pasou desapercibido nas redes. Hai apenas uns meses, Carreño afirmaba que "o 100%" dos seus ingresos "non procede nin da Xunta nin da TVG", en resposta ás críticas que recibira por non se pronunciar sobre os incendios forestais e por rexeitar, segundo el, "politizar todo". As súas declaracións xeraron na altura un debate sobre o papel das persoas creadoras de contido galegas e a súa relación coas institucións públicas.

O creador de contido, que suma centos de miles de seguidores en TikTok e Instagram, incorpórase así á que aspira a ser unha das apostas estrela da televisión pública nesta nova tempada, e faino da man da mesma casa que, hai poucos meses, dicía manter ben afastada dos seus ingresos.

Habitual nas campañas da Xunta

A confirmación da súa fichaxe pola TVG chega, por tanto, con certo paradoxo, pois o influencer é habitual colaborador en campañas da Xunta da Galiza, especialmente nas de promoción turística. En 2021 participou na primeira edición de Instagramers no Camiño, unha iniciativa promovida pola Axencia de Turismo da Xunta na que tamén participaron Martiño Rivas, Gala González ou Cristina Cerqueiras, percorrendo catro etapas do Camiño Portugués da Costa.

Un ano despois, en 2022, repetiu experiencia xunto a figuras mediáticas como a actriz Cristina Castaño, os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez e as influencers Natalia Maquieira e Tamara García Romero. Por aquelas dúas edicións, o Goberno galego destinou 80.000 euros públicos para compensar a participación dos seis instagramers, que durante cinco días difundiron nas súas redes fotos e vídeos da súa "andaina promocional" polo Camiño de Santiago.