Xuristas galeg@s reproban o ''oportunismo político'' no caso Uribetxebarría

Un comunicado asinado por 30 profesionais do dereito insiste en que a liberdade condicional para pres@s con padecementos graves e incurábeis está contemplada no CP e deberá ser concedida de xeito automático, sen recursos nin declaracións de cariz retributivo e próximas á lei do Talión efectuadas polo ministro de Xustiza

O longo proceso aberto após a solicitude da liberdade condicional por enfermidade de Josu Uribetxebarria culminou finalmente coa resolución a favor ditada pola Audiencia española. Decretou o cuarto grao para o preso político de ETA, botando embaixo o recurso do Ministerio fiscal que se opuña á súa liberación.

Mais a dilación deste procedemento, que debese resolverse de xeito case mecánico ao aparecer contemplado nos artigos 92 do Código penal español e 196 do Regulamento penitenciario --liberdade condicional para doentes con padecementos graves ou incurábeis-- espertou a preocupación dun grupo de xuristas galeg@s, ao entenderen que no caso Uribetxebarria primaron "postulados retribucionistas e vindicativos" por riba do propio dereito.

Nun escrito enviado aos medios, salientan "o desprezo ao imperio da lei amosado por algúns responsábeis políticos nas súas declaracións", nomeadamente a daquela presidenta da Comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, e o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón. Así, Gallardón dixo aceptar para Uribetxebarria un terceiro grao, mais non a liberdade condicional, "asumindo a tese, aplicada pola Institución Penitenciaria durante décadas, que levou a converter as seccións abertas das cadeas, en unidades penitenciarias onde se amorean doentes de sida, neumonía, hepatite e outros padecementos graves pola demora na concesión da liberdade condicional".

Denuncian @s xuristas que son "centos" as persoas que "agonizan entre os muros das prisións" ou son excarceradas "xa inconscientes" só uns días para morreren nun hospital. O obxectivo: rebaixar as taxas de mortandade nos cárceres. Foi esta mesma a achega feita por Gallardón para Josu Uribetxeberria, entrementres Aguirre presumía de saber que "todos os españois estamos de acordo en que mesmo os penados poidan morrer na súa casa coas súas familias menos o señor Uribetxebarria". Chegou a asegurar que, de estar na súa man o cuarto grao para o preso político, prevaricaría. Aguirre anunciou esta segunda feira a súa demisión. As discrepancias coa excarceración do preso político podería ser a pinga que fixo rebordar o vaso da conservadora. 

Como requisito para sua concesión, este instituto só exixe a concorrencia dunha doenza moi grave --que non necesariamente ten que pór en risco a vida do doente-- con padecementos incurábeis --aqueles para os cales a ciencia non achou remedio-- e, segundo a xurisprudencia, tal estado non e asimilábel a unha situación pre-agónica. O cuarto grao por enfermidade concedeuse a pres@s ceg@s --isto é, sen prognóstico terminal--, ou a Enrique Rodríguez Galindo, o garda civil dos Gal condenado polo asasinato dos mozos Lasa e Zabala, que foi excarcerado en 2004 e cumpre condena --71 anos de cárcere por secuestro e asasinato-- en liberdade vixiada.

Así as cousas, @s xuristas explican no seu comunicado a preocupación porque no Estado español se faga un uso do Código penal como canteira de votos abrindo debates que non existen, pois a norma contempla o cuarto grao para penad@s con enfermidade grave e padecementos incurábeis, lonxe dos desexos retributivos --a idea de reparar o dano causado co delito-- e vingativos da clase política española. Vulnerar ese dereito sería unha volta á lei do Talión.