O Xurés, sen base de helicópteros antiincendios desde o inicio do verán

Imaxe da base de helicópteros Xurés en Porqueirós.
A base de helicópteros de extinción do Xurés, cuxo parque natural foi un dos espazos máis castigados polos incendios da última semana con 2.000 hectáreas arrasadas, leva fechada desde xullo, practicamente todo o verán, de maneira que os helicópteros máis próximos fican nas bases de Verín e Queimadelos –no concello de Mondariz–.

Denunciouno onte o BNG da Baixa Limia, que sinala que o tempo de resposta a un aviso de lume no parque multiplicouse por catro.

A base funcionaba desde 1998 cun helicóptero que "garantía a intervención en menos de cinco minutos", indica.

Segundo censura, o dispositivo de extinción de incendios do Distrito XV perdeu este ano este "recurso fundamental" na loita contra os incendios na Baixa Limia, situado en Porqueirós (Muíños), "malia que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza 2020 a inclúe no mapa de bases".

Segundo fan notar desde a formación nacionalista,  a base foi clausurada polo comuneiros de Porqueirós o 13 de xullo, despois de que fracasaran as negociacións entre a veciñanza e as empresas Inaer e Babcock MCS, encargadas da súa xestión.

Como explica, os comuneiros intentan desde hai dous anos que as empresas ofrezan unha contrapartida económica polo uso dos terreos e como compensación das molestias ocasionadas  polo tráfico continuo de aeronaves e polo risco que supón o almacenamento de queroseno na parcela, a escasos quilómetros por riba da aldea.

O BNG critica que a Xunta e o Concello de Muíños "deitan a responsabilidade sobre Inaer, que xestiona o dispositivo das aeronaves, e néganse a pagar aos comuneiros de Porqueirós, propietarios dos terreos onde se asenta a base".