Xustiza

O xurado popular declara culpábel dun homicidio por omisión a parella de Nerea Añel

A Audiencia Provincial de Ourense (Foto: Europa Press).
Tras catro xornadas de xuízo na Audiencia de Ourense, o xurado, formado por cinco homes e catro mulleres, declarou o acusado culpábel de homicidio por omisión.

O xurado popular declarou culpábel dun homicidio por omisión ao único acusado da morte de Nerea Añel, que naquel entón, en xaneiro do 2020, era a súa parella.

Tras catro xornadas de xuízo na Audiencia de Ourense, o xurado, formado por cinco homes e catro mulleres, declarou o acusado culpábel de homicidio por omisión. A Fiscalía solicitaba esta pena por considerar que a muller con asistencia médica podería salvarse. Pola súa parte, a acusación particular, que representaba a nai da nova, solicitaba 14 anos de prisión e reclamaba que o home fose condenado por homicidio.

O xuízo

Na súa comparecencia ante o tribunal a semana pasada, o procesado só respondeu a preguntas da súa avogada e declarouse inocente, alegando que se separaron cun bico e "nunca máis" soubo dela.

Así, subliñou que é "drogadicto desde os 15 anos", e consome cocaína, heroína e haxix, mentres que a que era a súa parella sentimental "consumía coca e porros", motivos polos que, dixo, el furtaba "entre dous mil e tres mil euros" case diarios para poder custear tales gastos. Segundo o seu relato, a tarde do 15 de xaneiro de 2020 ambos os dous saíron xuntos dun motel en Barbadás, no que consumiran " de todo", e fixérono fuxindo porque subtraeran a carteira esa mesma tarde a un taxista. Á súa saída, requiriran os servizos doutro taxi e temían que a recepcionista alertase o chofer e tamén a Garda Civil.

Na súa declaración manifestou que marcharon pola estrada nacional até que se separaron ao chegar a unha curva. "Díxome que ela se 'comía' o da carteira porque non tiña antecedentes e sairía nun ou dous días, así que nos demos un bico e non souben máis dela, non a volvín a ver", manifestou, esgrimindo que, agochado, viu pasar un coche da Garda Civil en dirección ao motel e regresar pouco despois en sentido contrario, polo que supuxo que a súa parella "fora detida".

Segundo relatou, chamou a varias comisarías para comprobar se Nerea estaba detida e, xa en Covadonga, unha reclusa que saíra de permiso informoulle de que entrara a prisión unha muller que encaixaba na descrición da súa parella, polo que se convenceu de que era ela e continuou drogándose. "Dáme pena pola súa nai, iso ante todo", expuxo na súa declaración, na que tamén esgrimiu que buscou a Nerea "a máis non poder". "Tiven moitos problemas por axudar a esa nena, mira onde estou", dixo.

Fiscalía

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, na crenza de que a recepcionista do motel avisara a Garda Civil, o acusado e a súa parella fuxiron á carreira a través dun carreiro que bordea o edificio, paralelo á estrada e a carón dun regato. A acusación sostén que, na fuxida, a vítima sufriu unha caída que "lle produciu un grave traumatismo cranio vertebral con lesións que lle ocasionaron un estado de inconsciencia" e que "determinaron a súa morte", pero sinala tamén que, no caso de recibir "unha pronta asistencia médica, podería sobrevivir".

Así pois, para a Fiscalía trátase dun "homicidio por omisión" porque "a falta de auxilio foi determinante" e porque o acusado "puido prestarlle axuda", ao atoparse a só 200 metros de distancia do motel, pero non o fixo, "tendo a obriga moral e legal de facelo porque era a súa parella".

"É a manifestación máis extrema da violencia de xénero, a morte dunha vítima a mans da súa parella cando podía salvarlle a vida, non o fixo deliberadamente", manifestou o representante do Ministerio Público, engadindo que "Nerea non tivo unha morte instantánea", senón que faleceu "por hipotermia ou polas importantes lesións sufridas na caída".