Xustiza

O xurado declara non culpábel a unha muller acusada de matar o seu marido en Monfero

Sede da Audiencia da Coruña (Foto: Google).
A muller tamén resultou absolta dos cargos de cooperación ao suicidio.

O Tribunal do Xurado considerou a unha acusada de matar o seu marido en Monfero (Eume), en xullo de 2021, non culpábel de asasinato, así como tampouco dos cargos de cooperación ao suicidio.

No xuízo, a muller alegou que houbo un pacto de suicidio, con fármacos, mais errado no caso dela. "Fomos os dous os que quixemos irnos, adorabámonos en todos os sentidos, era un home bo e traballador, por que tiña que matalo, isto é imposíbel", sentenciou.

Versións contraditorias

Esta foi a liña mantida polo súa defensa, que pediu a libre absolución fronte á Fiscalía que ratificou a súa petición de condena de 26 anos de prisión ao rexeitar que a vítima participase de "forma activa" para suicidarse, tomando el mesmo os medicamentos, como sostivo o letrado da procesada, que non considerou acreditado que a muller llos dese.

Esta parte argumentou tamén que o home era consciente do que facía, rexeitando que a deterioración cognitiva que presentaba afectase á súa capacidade de decidir, en contraposición aos argumentos do Ministerio Público.

Mentres, Fiscalía expuxo a cooperación da muller no suicido do home e sostivo que a acusada "mata ao seu esposo". "Decidiu darlle morte de maneira unilateral sen vontade ningunha por parte do marido". "A súa versión dos feitos está encamiñada a encaixar a súa conduta", expuxo na última sesión do xuízo na Audiencia da Coruña.