Xustiza

O xurado declara culpábel o asasino confeso do hostal de Mondariz e ve probada a "alteración psíquica"

O asasino confeso do seu veciño de habitación nun hostal de Mondariz, na segunda xornada do xuízo contra el, na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra. (Foto: Europa Press)
O condenado padece unha esquizofrenia paranoide e non estaba a seguir o tratamento no momento dos feitos. Asestoulle "entre 80 e 90" puñaladas" en abdome, cabeza e costas ao seu compañeiro de habitación.

O tribunal de xurado declarou culpábel por unanimidade Miguel Ángel G.M. dun delito de asasinato, por apuñalar o seu veciño de habitación nun hostal de Mondariz (O Condado), José Luis F.F., en xaneiro de 2021, e tamén por unanimidade ve probadas as circunstancias atenuantes de alteración psíquica e confesión.

En apenas unhas horas o tribunal popular completou o cuestionario que conforma o obxecto de veredicto, e iso após un xuízo celebrado na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra en formato reducido, tendo en conta que o propio acusado recoñeceu os feitos e negouse a declarar, polo que as acusacións renunciaron a gran parte da proba prevista.

A confesión do propio procesado, realizada xa o primeiro día da vista, e as declaracións dalgunhas testemuñas, como o sarxento da Garda Civil que instruíu a investigación; a empregada do bazar onde o acusado comprou o coitelo co que matou a vítima; os forenses, que confirmaron a morte por hemorraxia masiva após recibir "entre 80 e 90 coiteladas", ou os peritos que explicaron o achado de ADN do acusado nun calcetín da vítima, deixaron pouca marxe para a dúbida ou a interpretación.

Alén da atenuante de confesión, o xurado estimou probada a alteración psíquica que, aínda que non consta que afectase á capacidade intelectiva do acusado, si puido minguar a súa capacidade de controlar os seus impulsos. Esta circunstancia xa fora recoñecida de inicio polas acusacións, dado que se acreditou que Miguel Ángel padece unha esquizofrenia paranoide e non estaba a seguir o tratamento no momento dos feitos.

Segundo reflicte o veredito, o tribunal popular considera probado que, entre a tarde do 17 de xaneiro e a noite do 18 de xaneiro de 2021, o acusado foi á habitación de José Luís e, co ánimo de acabar coa súa vida, asestoulle "entre 80 e 90" puñaladas —cun coitelo de cociña de 62 centímetros de folla— en abdome, cabeza e costas, sen que puidese fuxir ou defenderse. A continuación trasladou o corpo até un galpón anexo ao hostal, e "deixouno tirado" ata que foi atopado, o 22 de xaneiro.

O xurado mostrouse contrario á posibilidade de que se lle suspenda a pena de prisión que se lle impoña ou a que se lle outorgue o indulto. Ante este veredicto, tanto a Fiscalía como a acusación particular —que exercen os irmáns da vítima— mantiveron a súa petición de que Miguel Ángel sexa condenado a 14 anos de cárcere, e que se lle impoña a prohibición de achegarse ou comunicarse cos parentes de José Luís por un período de 19 anos. A defensa adheriuse a estas peticións.