A Xunta, en contra de reducir o número de estudantes por aula

A conselleira, durante a conferencia sectorial (Foto: EP).

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, sumouse durante o día de hoxe ao acordo proposto polo Ministerio do ramo para o arranque da actividade lectiva, aínda que rexeitou a "fragmentación" dos grupos actuais de escolares que trasladou o departamento de Isabel Celaá na súa proposta de recomendacións sanitarias.

A redución de alumnos por aula para o próximo curso parece descartada no caso da Galiza, ou polo menos nos termos recomendados polo Ministerio de Educación.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, sumouse durante o día de hoxe ao acordo proposto polo Ministerio do ramo para o arranque da actividade lectiva, aínda que rexeitou a "fragmentación" dos grupos actuais de escolares que trasladou o departamento de Isabel Celaá na súa proposta de recomendacións sanitarias.

O documento, que finalmente quedou definido como un "borrador" aberto a achegas e alegacións, incluía suxestións para a adaptación da organización do curso nos centros educativos, entre elas a disposición de clases de 15 escolares por aula, ata un máximo de 20.

Pomar, do mesmo xeito que outros mandatarios autonómicos, pediu expresamente na Conferencia Sectorial de Educación que este documento se desvinculase do acordo para o inicio do curso e que se tomase como marco de referencia o Real Decreto-lei 21/2020 (en concreto do seu artigo 9), publicado no BOE esta semana.

A norma estabelece que serán as administracións educativas as que aseguren o cumprimento, por parte dos centros públicos ou privados, das normas de desinfección, prevención e acondicionamento dos centros "que aquelas establezan".

"Deberá asegurarse a adopción das medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeracións e garantir que se manteña unha distancia de seguridade de, polo menos, 1,5 metros. Cando non sexa posíbel manter dita distancia de seguridade, observaranse as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio", engade o artigo.

Con este acordo as comunidades autónomas asumen a elaboración de protocolos de actuación para garantir a hixiene, limpeza e o control sanitario nos centros, un traballo que realizarán xunto aos servizos de prevención de riscos laborais, e que incluirá medidas específicas para a atención das persoas incluídas no grupo de risco.

"Non fala de ratios"

A pesar diso, este criterio implica á súa vez que outras medidas expostas non serán obrigatorias e dependerán das comunidades, como é o caso da redución a 15 ou 20 alumnos por aula ou que os máis pequenos queden exentos de manter a distancia ou de usar máscaras en clase.

A conselleira Pomar asegurou que o texto final, duns 14 puntos, "non fala nin sequera de ratios" e que desde a Consellería defenden que é "máis importante non fragmentar" nin "romper os grupos de referencia establecidos na aula".

O Goberno galego argumenta que mantelos achegaría maior seguridade socioemocional aos mozos para afrontar o novo curso tras varios meses separados dos seus compañeiros.

Doutra banda, Pomar advertiu de que unha "redución excesiva" de alumnado por aula "necesitaría de recursos" que "neste momento non están contemplados" nos fondos anunciados por parte do Ministerio, pois o gasto "superaría esa previsión" de 120 millóns de euros.

"Non se trata só de ampliar profesorado, senón de espazos educativos", explicou a Consellería de Educación, posto que a realización de actividades ao aire libre, entre outras alternativas, "non sempre é viábel".