Crise dos pellets

A Xunta presume dunha xestión "de matrícula de honra" cos pellets

Ánxeles Vázquez, hoxe, en rolda de prensa co presidente do Cemma, Xabier Pin. (Foto: Xunta da Galiza)
"Eu estou convencida de que o persoal da Xunta e o Camgal actuou de 10, por non dicir que actuou de matrícula de honra", dixo a conselleira.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, informou esta segunda feira de que desde o inicio das recollidas de pellets até este domingo, 14 de xaneiro, recolléronse 92 sacos e até 4.186 quilogramos doutro tipo de plásticos e residuos, polo que fixo fincapé na importancia de manter limpo o medio e concienciar sobre a contaminación.

En declaracións aos medios após asinar o convenio de colaboración con Cemma, a conselleira puxo o foco na necesidade de realizar as limpezas con "respecto cara ao medio" e recollendo tamén, se é posíbel, outros residuos. Cos datos achegados, destacou que a cantidade solicitada doutros plásticos, "duplicariamos o número doutros plásticos en relación aos pellets".

A conselleira actualizou tamén o número de praias afectadas, 63 en 30 concellos, e os efectivos que traballan neste momento, 349 e con 46 formadores de voluntarios. A este respecto, fixo un chamado á prudencia e pediu á xente que se asegure, antes de dar aviso, de que realmente son pellets o que hai nunha determinada praia.

Sobre os medios, tamén reclamou unha maior participación do Goberno estatal, "que di que pon un helicóptero diario nun medio cuxa competencia é exclusiva deles". "A sociedade está cansada de que o Goberno pida responsabilidades á Xunta por un suceso de hai un mes en augas que non foron nin galegas. Que se poñan a traballar, que poñan medios", sinalou.

Solicita tamén que o Executivo central asuma a xestión do pago das limpezas e que se poña en contacto, "dunha vez por todas", co Goberno luso e a navieira. "Temos que lembrar, unha vez máis, que alguén ten que pagar polo sucedido. E en todo caso, non poden ser os galegos. Os galegos son vítimas e agora hai uns custos. E desde logo non pode ser a Xunta, porque entón serían os galegos", dixo.

Xestión "de 10"

Por outra parte, a responsábel galega de Medio Ambiente avanzou que esta terza feira se anunciará a composición do comité de expertos que avaliará os efectos da vertedura destes microplásticos. O comité, detallou, estase confeccionado hoxe e, para iso, a propia conselleira reunirase con Adega e outras asociacións ecoloxistas para que lle trasladen quen queren que participe, "aínda que deberá ser un investigador, un biólogo ou un químico", matizou.

Outro dos asuntos aos que se referiu Vázquez é ás dilixencias iniciadas pola Fiscalía pola vertedura e afirmou que esta mesma segunda feira deron por finalizado o informe que van trasladar ao Ministerio Fiscal. "E que sexan outros os que, dunha vez por todas, digan se hai responsabilidade ou non; se se fixo ben ou non. Eu estou convencida de que o persoal da Xunta e o Camgal actuou de 10, por non dicir que actuou de matrícula de honra", defendeu.

Por último, informou de que os modelos de simulación da Xunta indican que as correntes desprazarán os pellets cara ao Cantábrico. Esas correntes, explicou, serían de sur a norte e con certa intensidade. "Pero iso tamén debería preocuparnos porque tamén inflúe no medio mariño, sexa nun sitio ou outro. Tal e como apuntan todos os expertos é unha vertedura máis, son uns plásticos máis e todo o que sexa sumar, é negativo para a costa", apuntou.

O Cemma non prevé un impacto "moi significativo"

O presidente do Cemma, Xabier Pin, tamén avaliou a situación provocada pola vertedura de pellets que, espera, non teña un impacto "moi significativo". "Evidentemente, e partindo da base de que calquera vertedura ao mar é sempre un desastre e un problema, desde o noso ámbito probabelmente esta vertedura non vai ter un impacto moi significativo", declarou.

Si podería chegar a haber un problema, explicou, coas tartarugas de pequeno tamaño, pero o propio Pin remarcou o pouco probábel de que iso chegue a ocorrer, dado que "terían que confluír diversos factores". Considera que isto pode servir para "seguir concienciando á xente do tema plásticos". "As praias están cheas de plásticos e estes son os menos daniños [...]. Chega un momento en que o mundo asume que estes restos forman parte da estampa normal, pero é un problema", remarcou.

Por iso, animou a xente a recoller outras cousas "de paso que recollen os pellets". Respecto da propia chegada destes microplásticos, dixo que "hai que enviar unha mensaxe de que evidentemente os plásticos son un problema e temos que facer un traballo na nosa vida diaria para reducir o seu impacto, pero tamén hai que mandar unha mensaxe de tranquilidade".

"É verdade que estamos na Galiza e cando dicimos a palabra vertedura, de forma consciente ou inconsciente, temos tantos traumas do pasado que a xente moitas veces reacciona máis co inconsciente que coa razón", comentou.