ECOLOXÏA

A Xunta volve saír en defensa de ENCE a pesar da gravidade da súa última avaría

Ence-Elnosa

O Goberno galego resta importancia ao incidente que provocou queixas veciñais desde catro puntos distintos de Pontevedra, o que provoca as críticas da Asociación pola Defensa da Ría, que acusa á Xunta de "conivencia" coa empresa e non descarta levar a ENCE aos tribunais.

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia volveu saír en defensa de ENCE e catalogou como un caso "moi puntual" as consecuencias da avaría rexistrada o pasado domingo pola tarde na caldeira de recuperación da pasteira en Pontevedra, denunciada pola Asociación pola Defensa da Ría e tamén polo Concello.

Tras unha "primeira análise" dos datos facilitados pola empresa e da información procedente da estación de control da calidade do aire máis cercana, os técnicos da Xunta concluíron que as emisións están "dentro dos parámetros" marcados na "Autorización Ambiental Integrada".

Pola súa banda, o goberno local -por medio de Carme da Silva- instou á Xunta a "que exerza as competencias que ten" en materia de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Por unha banda, para impedir que Ence "siga aí e se consolide en Lourizán" e, por outra, para que "incidentes deste tipo que a empresa intentou ocultar non se repitan", segundo indicou a concelleira de Protección Cidadá.

Á espera de cuantificar o número de chamadas rexistradas pola Policía Local e o 112 informando de "irritacións respiratorias", o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) sinalou que estas queixas procedían de polo menos "catro puntos distintos da cidade nun día de asistencia masiva a Pontevedra con motivo do día gran das festas da Peregrina".

As afirmacións da Xunta tamén foron contrarrestadas dende a Asociación pola Defensa da Ría, que acusa ao Goberno galego de "facer súa a versión da pasteira nunha nova proba de conivencia entre ambos e ignorando que os escapes afectaron á cidadanía causando irritacións de ollos, nariz e gorxa e tamén problemas respiratorios".

"A Xunta bota man dos datos da estación de Mollabao sen ter en conta que no momento da avaría o vento ía en outra dirección", engade a APDR, que "non descarta iniciar accións legais" contra ENCE, segundo manifestou nun comunicado.