A Xunta veta concellos e sectores alén do apícola nunha xuntanza sobre a velutina

Niño avespa asiática [Imaxes Manuel Varela]

Medio Rural rexeitou encontrarse con representantes hortofrotícolas e municipais. 

 

Esta cuarta feira (21 de outubro) a Consellaría de Medio Rural axendou un encontro para abordar a praga de avespa velutina que atinxe o país. A xuntanza foi solicitada por carta o 8 de outubro através da Asociación Galega de Apicultura (AGA) porén, a demanda xurdiu do encontro desenvolvido no Concello de San Sadurniño o 28 de agosto no que se constituú unha plataforma social arredor desta problemática. 

O colectivo está conformado por 40 municipios e representantes de todos os sectores afectados entre os que se atopan, para alén do apícola, o madeireiro ou o hortofrotícola. 

Desde AGA notificaron a Medio Rural que ao encontro acudirían o seu secretario técnico, Xesús Asorey xunto con 5 delegados máis de AGA. Aliás, tamén asistirían representantes municipais de Ferrol, Neda, Ortigueira, Carballo, As Pontes, Ribadeo, Ourol, Ames e San Sadurniño e diversas persoas en nome da Asociación da Froita Autóctona do Eume e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. 

No entanto, desde a Xunta responderon que á reunión, á que estaban chamadas entidades apícolas de todo o país, só poderían asistir 2 persoas da AGA, cuestión que lles foi confirmada esta cuarta feira ás portas de San Caetano antes de dar comezo a reunión. 

Un "portazo nos fuciños"

Desde a plataforma consideran a decisión do goberno galego un "mal comezo" e achan que supón un "portazo nos fuciños" co que a Xunta "obvia a mantenta a participación municipal e doutros sectores afectados nun debate tan trascendental" que exixe, din, dunha "solución tan urxente". 

"Malia tratarse dunha competencia autonómica, somos os concellos, os apicultores e outras entidades quen estamos asumindo directamente e cos nosos propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parecen estar ganando as avespas", sinalan nun comunicado ao que deron lectura concentrados perante os edificios da Xunta en San Caetano. "A praga alcanzou xa tal dimensión que a Xunta se ve desbordada para porlle freo sequera", acrecentan. 

Neste senso, apuntan, "todos e todas nós -concellos, AGA, sector forestal e agrícola- mostramos nas últimas semanas vontade de axudar achegando ideas e propostas que se condensaron nun programa de actuación que avoga pola colaboración, a investigación e a coordinación efectiva de todos os recursos dispoñibles. Cuestións de sentido común que queremos que se teñan en conta, posto que quen  hoxe  acudimos a Santiago e non puidemos participar na xuntanza con Medio Rural vivimos o problema todos os días e acumulamos unha experiencia que debe terse en conta". 

As entidades representadas na plataforma sinalan que manteñen "a man tendida" e instan a Xunta a "reconsiderar" a súa postura para os recibir "sen exclusións".