A Xunta valora pedir unha PCR negativa ou o certificado de vacinación na hostalaría das zonas máis afectadas

Varias personas nunha terraza no paseo maritimo de Sanxenxo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

A Xunta baralla medidas "máis restritivas" para a hostalaría naqueles concellos que presenten unha maior incidencia de Covid-19 e así "evitar que fechen os estabelecementos". Entre elas, valoran pedir unha PCR negativa para acceder aos locais das zonas máis afectadas polo virus.

Así se expresaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na noite da quinta feira após manter unha reunión telemática, primeiro con representantes do lecer nocturno e, despois con portavoces do sector da hostalaría.

Tal e como indicara Rueda na mañá da quinta feira en declaracións aos medios posteriores á reunión do Consello da Xunta, o obxectivo da reunión era "trasladar aos hostaleiros o balance da situación sanitaria e explicar as medidas adoptadas".

"O grande aumento de contaxios dos últimos días, que nos pon nunha situación difícil, obriga a ter en conta novas formulacións, que antes non considerabamos", recoñeceu Rueda, que destacou que a máxima pola que se rexe o Goberno galego segue sendo "compatibilizar as medidas sanitarias coa actividade económica, sobre todo tendo en conta como afectou a Covid-19 ao sector".

Así, o vicepresidente confirmou que tentan "arbitrar" medidas que vaian en función do nivel no que se atopen as diferentes zonas. "Aplicaríanse segundo a incidencia desa zona concreta, e non en todo. A ninguén lle gusta estabelecer máis restricións, pero a hostalaría compréndeo e están dispostos a aceptalas, porque o que non queren é fechar", asegurou Rueda.

PCR negativa

Preguntados por cales serían esas medidas, Comesaña sinalou que afectarían ao tocante á distancia e ás capacidades, e mesmo "está sobre a mesa" pedir nos locais hostaleiros dos concellos con máis incidencia un certificado de vacinación completa ou unha proba diagnóstica negativa, "todo enfocado a que a situación actual non derive nos fechamentos que ninguén desexa". Portugal xa está aplicando esta medida.

"A presentación dunha proba PCR negativa é unha posibilidade que está encima da mesa e que se abordará na sexta feira no subcomité clínico", avanzou o conselleiro de Sanidade, que engadiu que o sector é "moi amplo", polo que hai que "estudar todas as opcións".

Neste sentido, o titular de Turismo matizou que, aínda de autorizarse a petición, "non sería para todos os concellos" -como ocorre co lecer nocturno-, "só para os que estean peor".

Lecer nocturno

Respecto da reunión co sector do lecer nocturno, o vicepresidente primeiro sinalou que se trata dun encontro que fora programado con antelación para "analizar o balance dos primeiros 15 días de funcionamento desta actividade despois de tantos meses sen traballar".

"A reunión foi moi positiva. A Xunta segue apostando por conxugar saúde e, xa non só lecer, tamén emprego. E nestas circunstancias, a PCR negativa e o carné de vacinación son a única saída posíbel", sinalou o portavoz da Plataforma Galiza de Noite e xerente da Sala Pelícano na Coruña, Luis Diz.

Participa

Que consideras que debería acontecer coa hostalaría nos lugares coa incidencia disparada? Participa na enquisa de Nós Diario.