Sanidade

A Xunta traslada a súa "inquedanza" pola "falla de material" de protección que distribúe o Goberno español

Equipo de protección (Sergas).
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, xa lle trasladou ao ministro Salvador Illa a súa "inquedanza pola falla deste material", que é necesario para continuar facendo fronte á epidemia do coronavirus.

A Xunta da Galiza mantense á espera de recibir o material de protección que anunciara o Ministerio de Sanidade para poder comezar a distribuílo con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias. Así o traslada nun comunicado na tarde desta quinta feira, no que inciden en que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, xa lle trasladou ao ministro Salvador Illa a súa "inquedanza pola falla deste material, que é necesario para continuar facendo fronte á epidemia do coronavirus.

Desde a promulgación do Real Decreto 463/2020 polo que se declarou o estado de alarma no Estado para a xestión da crise sanitaria, é o Goberno estatal o encargado de "centralizar os stocks de produtos sanitarios". Desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) lembran, como tamén se fixo na conferencia de presidentes dos distintos territorios, a "necesidade de contar co material" de protección en todos os centros e así poder trasladar "unha mensaxe de tranquilidade a todas as profesionais sanitarias". 

O Goberno do Estado asumiu esta quinta feira as dificultades para facerse cos equipos de protección necesarios para evitar o contaxio do coronavirus, mais negou que houbera desabastecemento en ningún territorio. O Sergas manifesta que "confía" en que o Ministerio de Sanidade "cumpra co estabelecido" e, ao mesmo tempo, "non pode deixar de trasladar a súa inquedanza polo retraso", segundo recolle o seu comunicado.

O Sergas asegura que enviou esta quinta feira a toda as áreas sanitarias, ademais do material habitual, 4.900 máscaras de protección e 170 botellas de solución hidroalcohólica que xa se empezaron a distribuír a residencias sociosanitarias públicas e privadas. 

Así mesmo, traslada que mercou "hai dúas semanas" 5.000.000 de máscaras de protección que, a medida que vaian sendo subministradas polos provedores, seguirán distribuíndose tanto a hospitais, como a centros de saúde e ás residencias sociosanitarias.