A Xunta, tranquila ante apresenza de mercurio nas inmediacións da planta de Ence

Factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)

A Xunta di que a presenza de mercurio detectada nun estudo elaborado por técnicos de Ence nas inmediacións da planta en Lourizán non supera os niveis "prestabelecidos" desde o punto de vista ambiental e sanitario. Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra asegura estar “moi preocupado porque estamos a falar de saúde, de contaminación grave e imos exixir que se tomen as medidas pertinentes", e cualifica o asunto de "altísima gravidade".

A Xunta sostén que a presenza de mercurio detectada nun estudo elaborado por técnicos de Ence nas inmediacións da súa planta en Lourizán, Pontevedra, non supera os niveis "prestabelecidos" desde o punto de vista ambiental e sanitario.

Así se pronunciou, a preguntas dos xornalistas este 14 de abril, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que apelou á "tranquilidade" ao redor dunha cuestión sobre a que a Administración galega demandou resposta da clorera Elnosa, empresa en desmantelamento e á que Ence atribúe a presenza de mercurio na área de Lourizán.

Nun comunicado remitido aos medios, Ence sostén que os documentos que saíron á luz na terza feira, 13 de abril, "non son informes internos" senón "escritos" remitidos por parte da compañía ás Administracións estatal e galega nos que "se advirte" da detección de niveis de  mercurio "superiores aos habituais nos últimos meses" nas inmediacións das instalacións de  Elnosa.

Ence incide en que "os únicos puntos" onde se detectaron estes niveis de  mercurio sitúanse en "áreas próximas" á planta de Elnosa que corresponden a puntos de paso e provisión de materiais onde "non se realizan labores habitualmente nin de forma prolongada

A pasteira atribúe a detección destes niveis de mercurio á actividade na planta Elnosa, na actualidade en proceso de desmantelamento; posto que a clorera empregou este metal pesado para os seus procesos.

"Altísima gravidade", di Lores

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que preguntará á Xunta que fará respecto da contaminación por  mercurio.

"Estou moi preocupado porque estamos a falar de saúde, de contaminación grave e imos exixir que se tomen as medidas pertinentes", dixo Lores en declaracións aos medios este mércores, onde cualificou este asunto como de "altísima gravidade".

"Sempre dixemos que o complexo Ence- Elnosa era unha bomba de reloxería situada na ría de Pontevedra", incidiu Lores que incidiu en que "é necesario trasladar ese complexo industrial" e "liberar" a ría para outros usos.

O rexedor nacionalista explicou que o informe de Ence é do pasado mes de febreiro e sinalou que "ese mercurio que está en augas subterráneas indiscutibelmente acabará na ría" polo que reclamará á "administración competente en materia de Medio Ambiente" que concrete que medidas pensa tomar respecto diso.