A Xunta traballa co lecer nocturno nun protocolo máis flexíbel para o outono

Acceso a un local de ocio nocturno en Sanxenxo (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Insiste, ademais, na implantación do certificado Covid nestes locais malia a sentenza en cotra do TSXG.

A Xunta iniciou contactos co sector do ocio nocturno co obxectivo de estabelecer un novo protocolo, máis flexible, tanto en horarios como en capacidade para os seus locias. A intención é que en outubro estea implantado.

Así o confirmou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha entrevista na Radio Galega na que explicou que as novas instrucións buscarán ser "parecidas" ás que entrarán en vigor o 15 de setembro na hostalaría.

"Queremos darlle esa estabilidade ao sector", incidiu Rueda, quen tamén insistiu na implantación da obrigatoriedade do certificado de vacinación contra a Covid-19, unha ferramenta que mesmo os empresarios "pedían".

Pero hai unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "que a día de hoxe o impide", polo que a Xunta tratará de buscar "outras fórmulas". Neste contexto, lembrou que o Goberno galego "presentou un recurso" ante ese fallo e agora será o Tribunal Supremo quen deba determinar se a obrigatoriedade do certificado se axusta ou non a dereito.

En calquera caso, afirmou que é "unha consecuencia máis dese empeño que ninguén entende do Goberno estatal de porse de perfil ante a pandemia", o que levou a que as comunidades teñan que recorrer "aos tribunais por separado" para implantar estas medidas.

A hostalaría, a piques de estrear novo plan

Rueda tamén destacou que a situación actual da pandemia na Galiza é "moito mellor", de aí, a intención de avanzar na desescalada, pero con "prudencia" e "paso a paso".

Un dos chanzos dese progreso pasa pola apertura da hostelaría a partir da próxima cuarta feira baixo as condicións do novo protocolo acordado co sector. Así, os estabelecementos poderán atender máis clientes tanto no interior como no exterior sempre e cando asuman maiores medidas sanitarias e de seguridade, con independencia da incidencia do municipio no que se atopen.

Para Rueda, esta flexibilización busca dar "estabilidade" e permite traballar "cun horizonte de certeza". Iso si, advertiu que "se fose necesario endurecer" as instrucións, como ocorreu en ondas anteriores da pandemia, "non haberá máis remedio que facelo".

Na mesma liña, levantaranse máis restricións se a situación "segue mellorando". "Temos que chegar nalgún momento ao 100%", agregou o vicepresidente, aínda que esa meta tamén virá determinada polo que diga "o comité clínico".

Axudas á hostalaría

Por outra banda, Rueda destacou a aprobación esta semana no Consello da Xunta dun novo paquete de axudas por 15,8 millóns de euros. A intención do Goberno galego é que cheguen ao sector "antes de que acabe o ano".

Serán apoios destinados a "relanzar o sector turístico unha vez pase a época estival" e a "blindarse" en medidas sanitarias. De feito, asegurou que "algunhas xa se convocaron" a pasada sexta feira, mentres que outras subvencións sairán "ao longo da semana que vén".